Feijóo quere facer de Galicia unha referencia de I+D+i a pesar da fuga de cerebros

A Xunta busca consolidar o sistema de investigación e potenciar a retención de talento na comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou un montante 17 millóns de euros para o sector do I+D+i, a través de diferentes programas e partidas que se destinarán tanto a consolidar o sistema de investigación como para asegurar a captación e retención de talento na comunidade autónoma. Unhas axudas que non serven para parar a sangría de investigadores e cerebros que marchan fóra todos os anos.

De todo iso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Executivo autonómico, na que incidiu no obxectivo de seguir camiñando cara á "excelencia" investigadora e dotar ao sistema dunha maior estabilidade.

A iniciativa principal desta batería de medidas ascende a 15 millóns de euros, a través de axudas aos grupos de referencia máis competitivos de sector para o período 2020-2024. A convocatoria está dirixida ao tres universidades, aos organismos públicos de investigación, as fundacións de investigación sanitaria e aos centros do IEO e do CSIC radicados en Galicia.

A primeira modalidade, con máis de 8 millóns de euros, beneficiará aos grupos de referencia competitivos a nivel estatal e internacional, con bos índices de publicacións científicas e elevado nivel de captación de recursos. As axudas terán unha duración máxima de catro anos e o importe determinarase a partir dunha contía estrutural e outra variable, en función da xeración de recursos.

A modalidade B, con cinco millóns de euros, destínase a grupos de potencial crecemento con calidade investigadora, con axudas por un período de tres anualidades e unha contía máxima de 20.000 euros no primeiro ano e de 35.000 no segundo e terceiro exercicio.

Imaxe do novo dispositivo de impresión 3D. CUHK
Imaxe do novo dispositivo de impresión 3D. CUHK | Fonte: Europa Press

CONTRATACIÓN

Doutra banda, a Xunta impulsa novas convocatorias do programa Talento Sénior e Principia, ás que destinará máis de dous millóns de euros coa previsión de contratar a preto de 120 persoas en empresas e organismos de investigación.

No primeiro caso, apoiaranse 15 contratacións con máis de cinco anos de experiencia en I+D+i, con 960.000 euros de orzamento, mentres que o programa Principia contará con 1,1 millóns para captar persoal novo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación.

A Consellería de Cultura e Turismo subscribirá, pola súa banda, un convenio coa Comisión Fullbright polo que se ofertarán cinco bolsas de estudos, estancias ou investigacións en Estados Unidos no campo das artes, por un importe de 200.000 euros, para os anos 2020 e 2021.

Finalmente, o Consello da Xunta aprobou a convocatoria doutro cinco bolsas da Fundación Galicia Europa para titulados universitarios ou técnicos superiores de formación profesional, nas que leva investido 1,1 millóns de euros desde 2009 para formar a 90 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta