Aprobada a suba dun 2,69% das peaxes da AP-9 a partir do 1 de xaneiro

O pleno da Deputación de Pontevedra rexeita a moción do PP sobre a AP-9, que o PSOE ve un "exercicio de hipocrisía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2019 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Secretaría de Estado de Infraestruturas, dependente do Ministerio de Fomento, deu luz verde este venres a unha subida do 2,69% nas peaxes da AP-9 a partir do 1 de xaneiro, segundo informan fontes de Audasa a Europa Press.

Deste xeito, un automóbil que realice, por exemplo, o traxecto pola autoestrada entre A Coruña e Vigo pagará un total de 16,85 euros a partir do 1 de xaneiro, o que supón unha subida de case medio euro respecto de 2019.

Esta subida para 2020 do 2,69% débese ás obras da circunvalación de Santiago de Compostela e da ponte de Rande (un engadido do 1% anual); a bonificación do tramo Vigo-Pontevedra (un 0,8% adicional), que se aplicará por última vez este mes de xaneiro; e un 0,89% restante correspondente coa fórmula do IPC.

Respecto diso, Audasa apunta nun comunicado que os prezos do ano que vén da AP-9 "mantéñense en 2020 un 7,1% por baixo da media española de prezos de autoestradas do Estado".

AP-9,  AUDASA
AP-9, AUDASA | Fonte: Europa Press

POLÉMICO PLENO EN PONTEVEDRA

Por outra banda, o pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou este venres unha moción do Partido Popular que reclamaba ao Goberno central que asuma os custos de ampliación da AP-9 para evitar subidas nas peaxes, unha petición que foi rexeitada polo PSOE e BNG, que cualificaron a petición como un "exercicio de hipocrisía" e de "cara dura política".

Nun pleno extraordinario solicitado polo PP para abordar esta cuestión, socialistas e nacionalistas aseguraron que a institución provincial defenderá a transferencia da AP-9 a Galicia, "de acordo coa resolución reiteradamente aprobada polo Parlamento galego e bloqueada con obstinación polo Goberno de Mariano Rajoy durante o ano 2018".

Durante o intenso debate plenario o portavoz do grupo socialista, Carlos Font reprochou aos deputados da oposición a súa actitude. "Porque non imos admitir que o Partido Popular, o responsable da situación da AP-9, actúe con hipocrisía, cinismo e desvergoña", sinalou.

O deputado provincial do PP, Alfonso Marnotes, explicou que a Autoestrada do Atlántico será a que acumule un maior aumento nas súas tarifas en 2020, o que, ao seu xuízo, afectará "gravemente" á mobilidade, a competitividade e a economía da provincia.

Pola súa banda, o deputado do Bloque Nacionalista Galego Uxío Benítez incidiu en que o Partido Popular "non está moralmente capacitado" para facer este tipo de esixencias respecto das peaxes da autoestrada. O BNG reclamou a transferencia da AP-9 e o "rescate completo".

Ao termo do debate plenario a presidenta da Deputación, Carmela Silva, interveu para confesar que sentía "avergoñada" pola celebración deste pleno extraordinario. E é que cinco minutos antes celebrouse outra sesión plenaria de carácter ordinario correspondente ao mes de decembro polo que acusou ao PP de causar ao erario público un gasto de 10.000 euros "pola súa estratexia política".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta