OZOCOgz, unha empresa con identidade propia e xogos "made in Galiza"

Falamos con Eladino Cabanelas, artífice deste proxecto que naceu como marca no 2012. Comercializa diferentes produtos, destacando entre eles as camisolas e os xogos. Entre estes últimos merece especial atención o “Ti non es de aquí?”, que vai xa pola terceira edición, e o seu fillo, “Ti non es de aquí?” edición xúnior.

Por X.M. Fernández | O Carballiño | 31/12/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Moitas veces acontece que unha idea nacida para cubrir un interese persoal, ou cun percorrido concreto e limitado, abre un camiño cara o emprendemento. Algo así lles pasou en OZOCOgz. Deseñaron unha camisola para sacar uns cartos vendéndoa a familiares e amigos/as  e tal foi o éxito que empezaron a barallar a opción de montar unha tenda e incluso crear unha liña de produtos baixo o lema “Éche o normal”.

Eladino Cabanelas. Foto: Ozocogz
Eladino Cabanelas. Foto: Ozocogz

E pouco a pouco foi xermolando todo, primeiro a tenda no Carballiño e paralelamente o nome da empresa. Esta foi bautizada co nome do elemento principal do primeiro deseño co que ‘atinaron comercialmente’, o zoco, chanca ou galocho segundo se coñeza dependendo da zona. Os argumentos desta decisión, segundo nos comenta Eladino Cabanelas, foi atopar nesta palabra un dobre sentido: a forza de zoco como un dos símbolos de identidade do noso pobo e a idea de zoco como mercado, como espazo de actividade comercial, tendo en conta neste caso o significado da palabra no mundo árabe.

O proxecto naceu da man de Eladino Cabanelas e Manolo Rodiño pero na actualidade está só Cabanelas ao fronte do mesmo contando unicamente coa axuda inestimable da súa dona. “A Manolo estareille eternamente agradecido pola súa implicación. Probábelmente sen el, hoxe Ozocogz non existiría como tal”, lembra.

Falamos con Eladino desta aventura, da filosofía da empresa, das creacións que sacan ao mercado e de novidades para este Nadal.

O zoco como elemento icónico. Por que o zoco e non outro obxecto identitario?

Xogo de mesa 'Ti non es de aquí?' edición xúnior
Xogo de mesa 'Ti non es de aquí?' edición xúnior

No deseño orixinal xurdiu o zoco como contraposición evidente ás famosas zapatillas Converse, un símbolo da ‘americanización da sociedade’ á altura, ou quizais por enriba doutros como os vaqueiros ou as míticas marcas deportivas Adidas ou Nike. Se a maiores lle engadimos que estas zapatillas teñen como símbolo unha estrela de cinco puntas que facilmente se pode transformar en estrela revolucionaria, xa tes a base do que queremos predicar dende OZOCOgz, (re)converterse ao galego.

En que ano vos lanzastes a comercializar produtos con deseños galegos? Había xa moita competencia neste sector?

En setembro do 2012 naceu oficialmente a marca cun par de deseños nada máis, o coñecido ZOCO e outra camisola, que chamamos MATRAQUIÑO e que representa bonecos de futbolín coa camisola da selección galega que nacera durante o bipartito. Competencia neste eido -por fortuna xa que implica que segue habendo un sector da sociedade que quere vivir e presumir de ser galego- hai bastante, sobre todo no que ten a ver co téxtil, un medio doado para a reivindicación e a creatividade.

Que vos diferenza respecto doutros proxectos semellantes ao voso?

É difícil a resposta. Quizais, e sen desmerecer a ninguén, dicir que en OZOCOgz buscamos ir un paso máis alá no que ten a ver co compromiso coa lingua e, por tanto, coa nosa cultura. De feito, dende o primeiro ano puxemos a andar un concurso de micro-relatos e os nosos produtos van todos na liña de promover estes aspectos, sobre todo a normalización da lingua galega e a súa dignificación. Por poñer só un exemplo, os nosos cadernos inclúen mensaxes moi nídias e claras, dirixidas a un tipo de clientela comprometida 100% con estas causas.

"Buscamos ir un paso máis alá no que ten a ver co compromiso coa lingua e, por tanto, coa nosa cultura"

Empezastes polas camisolas, que produtos chegaron despois?

A seguir das camisolas e outros produtos téxtil como sacas ou suadoiros decidimos comezar cunha liña de papelaría con cadernos e os nosos xa coñecidísimos xogos de mesa.

Como valorades o éxito no lanzamento dos xogos e brinquedos?

Aínda que soe a frase feita, superou con moito as nosas expectativas, o que veu fornecer a idea que tiñamos de que este País, pola contra de quen pense que non valora o seu, si o fai e ten ansias de produtos e de marcas que avalen esa idea, que contribúan á normalización da súa lingua en todos os eidos. Por suposto o tempo de lecer tamén forma parte de todo isto e nós tan só fixemos unha ferramenta para usala nese tempo que é, clarisimamente, o que máis valoramos.

Como naceu a idea do xogo de mesa cultural "Ti non es de aquí?" e cando saíu ao mercado?

Tal e como che dixen antes, naceu da idea de fornecer o tempo de lecer de instrumentos propios. E se, ao tempo que te divirtes, vas aprendendo sobre a túa cultura, sobre a túa lingua ou sobre a túa historia, que mellor? A primeira edición do xogo sacámola ao mercado en xuño do 2018 e hoxe, imos xa coa terceira edición.

Semella un auténtico máster de galeguidade e con moito traballo detrás. Cóntanos.

Non sei se chega a tanto, sería moito supoñer. O que se buscaba, certo é, era meter nun xogo os maiores aspectos posíbeis da nosa cultura, daqueles aspectos que nos configuran como nación, como lugar perfectamente consolidado e diferenciado do resto (sen desmerecer a ninguén) da península ibérica. Para iso era preciso unha labor de estudo e de investigación, incluso de consulta con amizades expertas nalgúns campos, máis se cabe, se temos en conta que a mecánica das preguntas, saber a resposta incorrecta en lugar da correcta, supuña sempre dar tres respostas correctas en lugar dunha coma no resto de xogos deste tipo.

Cónstanos que hai xente que opina que hai un nivel moi alto nas preguntas. Que che parece a ti como creador?

Certo, en moitos casos si. Mais se nos paramos a analizar un pouco isto, responde nin máis nin menos ao descoñecemento que temos do noso en contraposición ao que fomos aprendendo no ensino regrado, froito, case sempre dun intento de culturizarnos á española. Sempre dou o mesmo exemplo, moitas e moitos de nós somos quen de dicir por onde pasa o río Ebro ou o nome das provincias de Andalucía e, nembargante, é posíbel que non saibamos onde desemboca o Ulla.  A idea, precisamente era esa, aínda que soe moi pretencioso, facer unha minienciclopedia galega nun xogo de mesa.

"A idea, precisamente era esa, aínda que soe moi pretencioso, facer unha minienciclopedia galega nun xogo de mesa"

A edición 'Xúnior' de "Ti non es de aquí?" nace para facer o xogo máis asequible aos pequenos/as da casa? 

Si, este xogo, aínda que a mecánica básica é coma a do anterior, ademais de baixar o nivel das preguntas facéndoas asequíbeis aos pequenos da casa, ten variantes que intentan facelo divertido e, ao tempo, competitivo. O xogo ten polo medio mini-retos e comodíns, incluso leva un taco groso de notas e un lapiseiro para levar a cabo enfrontamentos a base de mini xogos entre os/as participantes.

Por que hai tan poucos xogos e xoguetes en galego? Que se debería facer para reverter esta situación?

Imaxino que fomentalos dende as escolas e, por suposto, dende as institucións que teñen a obriga de velar pola nosa lingua. Non se pode pretender que a iniciativa privada nos arrisquemos a fabricar determinados produtos sen ter as mínimas expectativas de que vas vender. Galiza, dende hai uns anos está a sufrir unha desgaleguización aceleradísima; na nosa man está revertela e aquí, repito, é onde a política tiña que cumprir coa obriga de conservar o legado milenario que supón ter unha lingua propia.

Xogo de mesa 'Ti non es de aquí?'
Xogo de mesa 'Ti non es de aquí?'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Sentidiño

"Xúnior" non existe. Para unha palabra que se escribe igual en todos os idiomas do mundo con alfabeto latino, van é úsana mal para bautizar un dos poucos xogos que temos en galego...

1 Replicante

Ata onde chega o meu coñecemento chega, o abecedario galego non ten a letra que tanto botas en falla