Gómez-Reino di que, "por primeira vez", Galicia está presente nun acordo de Goberno no Estado

Di que o futuro goberno terá que aprobar a transferencia da AP-9. Luís Villares di que tras o acordo entre o PSOE e Podemos "a Galicia nin lle toca a predrea".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, asegurou que a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta "xa está aprobada" tanto no Parlamento autonómico como no Congreso, polo que o novo Goberno que se conforme "ten que atender ao que xa dixo" o poder Lexislativo.

Así o manifestou o dirixente do partido morado na Comunidade nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela para valorar o acordo de coalición entre Unidas Podemos e o PSOE asinado este luns por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Neste contexto, preguntado sobre como se vai a materializar a demanda da transferencia da AP-9 a Galicia, que logrou en varias ocasións a unanimidade do Pazo do Hórreo, Gómez-Reino lembrou que durante a XII Lexislatura "xa se aprobou un proxecto de lei" que iniciaba os trámites para que o traspaso fose unha realidade.

"Agora o que fai falta é que haxa un goberno que tome, basicamente, as medidas executivas", explicou. Cabe lembrar que a concesionaria da Autoestrada do Atlántico, Audasa, xa situou no 2,69 por cento a subida das peaxes desta vía para o próximo 1 de xaneiro de 2020.

Respecto diso do documento asinado este luns, o tamén deputado de Galicia en Común pola Coruña celebrou que é o acordo no que o seu espazo político "leva traballando semanas". "Pero poderiamos dicir moito máis tempo, diría meses e mesmo anos", engadiu.  Ademais, Gómez-Reino definiuno como a "plasmación das mobilizacións" cidadás e garantiu que "por primeira vez" Galicia "está" nun acordo de Goberno do Estado, algo "fundamental.

PARA GALICIA

Entre as medidas que destacou como positivas para a Comunidade galega, celebrou que figuren "a devolución do Pazo de Meirás" de Sada (A Coruña) "e doutros bens" en mans da familia Franco "por vía dunha auditoría" e outros mecanismos do Estado.

Tamén resaltou un "programa de retorno" da emigración "enfocado á xente nova", o "compromiso claro coa titularidade compartida" no ámbito agrario e un novo estatuto das empresas electrointensivas que por unha banda faga "competitivo" o prezo da enerxía e que por outra faga "que as industrias se teñan que comprometer" co emprego.

Así mesmo, Gómez-Reino fixo referencia ao "compromiso" de que España ratifique o Convenio 188 da Organización Internacional do Traballo (OIT), que incide na pesca e que afectará "a máis de 30.000 persoas" que viven do mar "e máis de 11.500 mariñeiros" para "dignificar de forma moi importante a súa día a día".

UN MINISTRO GALEGO

Preguntado sobre se haberá algún integrante galego por parte de Unidas Podemos no novo Consello de Ministros --dado que a deputada de Galicia en Común por Pontevedra, Yolanda Díaz, aparece en moitas das quinielas--, Gómez-Reino limitouse a responder que "sería moi positivo". "Pero o fundamental son os acordos", matizou.

Os deputados de En Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. EN COMÚN
Os deputados de En Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. EN COMÚN | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS EN MAREA

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, expresou a súa "decepción" polo acordo de goberno subscrito entre PSOE e Podemos a nivel estatal, xa que considera que "esquece de novo as necesidades de Galicia". "Se este pacto fose a Lotaría do Neno a Galicia non lle tocaría nin a pedrea", denunciou o maxistrado en excedencia a través dun comunicado remitido aos medios este luns tras coñecerse os termos do acordo asinado entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Para Villares, o documento presenta "omisións clamorosas" referentes a Galicia, como "unha aposta clara" polo tren convencional ou "unha solución definitiva" para a industria electrointensiva. Tamén bota en falta compromisos coa lingua galega e asegura que o PNV si o logrou para o eúscaro nas súas negociacións co Partido Socialista.

En resumo, Villares cre que PSOE e Podemos "deixaron nun segundo plano a xustiza social, a climática e a trasición enerxética xusta" para Galicia. "Parece que PSOE e Podemos, do mesmo xeito que o PP, só ven en Galicia un celeiro de votos", incidiu o tamén portavoz do grupo mixto na Cámara autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

2 Alienao

Tanto me ten a transferencia se non é de balde.

1 Gamela

a vivir que son dou días...