A Xunta activa ao comezo de ano a gratuidade do autobús interurbano aos menores de 21 anos

Esta gratuidade superará este ano o actual ámbito das Áreas de Transporte Metropolitano e resultará de aplicación en calquera viaxe interurbana en calquera concello da Comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A Xunta activa a partir deste mércores día 1 -Ano Novo- a gratuidade do autobús interurbano a todos os menores de 21 anos co cartón 'Xente Nova' nas áreas de transporte metropolitano. Esta medida, enmarcada no plan de transporte público de Galicia, permitirá que a partir do 1 de xaneiro os mozos con idades comprendidas entre o catro e os 20 anos poidan realizar viaxes gratuítas no transporte público, o que ata agora se limitaba ata os 18 anos incluídos.

A este efecto, o Goberno galego destinará unha partida de máis de 2,6 millóns de euros en 2020, segundo informa. Isto suporá un incremento de máis do 52%na bonificación, pois no 2018 a contía foi de máis de 1,7 millóns euros.

En concreto, os usuarios do cartón 'Xente Nova', tal e como funciona desde a súa posta en marcha en 2016, poderán realizar gratuitamente un total de 60 viaxes mensuais no transporte público regular por estrada.

EXTENSIÓN A TODA GALICIA

Ademais, a Xunta lembra que esta gratuidade superará este ano o actual ámbito das Áreas de Transporte Metropolitano e resultará de aplicación en calquera viaxe interurbana en calquera concello da Comunidade. Esta extensión, que será progresiva, buscará alcanzar unha poboación obxectivo de máis de 372.000 persoas, fronte ás máis de 55.000 que na actualidade utilizan este cartón.

Autobús urbano.. XUNTA - Arquivo
Autobús urbano.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta