Os tres contratos para organizar e planificar as eleccións, a concurso por 3 millóns de euros

O procedemento deixa marxe para poder convocar ao longo do ano e Feijóo dixo recentemente que non vía "razóns" para adiantar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O Goberno galego prepárase con antelación para as eleccións autonómicas que tocarían, salvo adianto, no outono deste ano, e fixo públicos os concursos, por un importe que rolda os 3 millóns de euros, dos contratos para planificar e organizar a cita coas urnas, así como o servizo de deseño e impresión de papeletas e sobres electorais.

O tres concursos que se convocan son de procedemento aberto. O prazo para a recepción de ofertas ou solicitudes de participación conclúe en febreiro, mes no que se sitúa tamén a apertura de plicas. O Diario Oficial da Unión Europea publica os anuncios de licitación dos concursos, xa colgados na plataforma de contratación da Xunta desde final de ano.

En concreto, son tres os contratos que se anuncian, un deles para o servizo de "impresión, planificación, organización e posta en marcha" das papeletas electorais, sobres de votación e documentación electoral, así como documentación electoral necesaria para o voto accesible de invidentes. O valor estimado, IVE excluído, rolda os 1,2 millóns de euros.

Un segundo contrato, polo mesmo importe, cínguese ao servizo de "organización, xestión, coordinación, supervisión e control" de todas aquelas tarefas derivadas da celebración da xornada electoral; así como da formación do persoal encargado da transmisión dos datos de participación. Tamén da "recollida, reconto, procesamiento e seguimento da participación electoral e difusión dos votos", así como a adecuación do espazo dedicado á comunicación dos datos do reconto no día das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.

Finalmente, por 495.867,77 euros, sen ter en conta o IVE, sae a concurso un servizo de "asesoramento na planificación, organización, execución e control" do proceso electoral; así como o operativo dos representantes da administración nos colexios electorais, xestión e control de incidencias, páxina web electoral, teléfono do elector e outras actividades organizativas necesarias para os comicios.

IMPORTES SIMILARES A 2016, DISTINTA DATA DE PUBLICACIÓN

Os importes dos contratos son similares aos da última convocatoria electoral en Galicia en 2016, aínda que a data de publicación é distinta, posto que fai catro anos os comicios celebráronse o 27 de setembro e a data dos concursos que figura na plataforma de contratación da Xunta foi máis tardía: de xuño dese mesmo ano.

Máis apurada foi se cabe a data de publicación destes contratos de organización dos comicios en 2012, cando Feijóo anunciou en agosto que adiantaba as eleccións e que se celebrarían o 21 de outubro, coincidindo coas vascas. Publicáronse en setembro, un mes antes dos comicios.

En todo caso, fontes da Xunta desligan a posta en marcha do proceso da data electoral que finalmente decida o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, único con potestade para poder despexar esta incógnita. A antelación en activar este procedemento administrativo deixa marxe para calquera data e evita trámites administrativos máis complicados de última hora.

Pola súa banda, nunha recente entrevista concedida a Europa Press, o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que "neste momento" non ve "razóns" que xustifiquen un adianto electoral. Con maioría absoluta, ademais, o de Os Peares fixo da "estabilidade" o seu principal cabalo de batalla en contraposición coa "inestabilidade" do escenario político estatal.

Urna Electoral. EUROPA PRESS/ARQUIVO / Europa Press
Urna Electoral. EUROPA PRESS/ARQUIVO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta