Rueda afirma que lle encantaría que Feijóo optase a un cuarto mandato

O vicepresidente da Xunta destaca que os 'populares' son "optimistas" de cara a lograr a "maioría necesaria" nas próximas eleccións galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este luns que os populares son "optimistas" e cren que poderán conseguir a "maioría necesaria" nas próximas eleccións autonómicas de 2020. Sobre o futuro político de Alberto Núñez Feijóo, asegurou que lle "gustaría" que optase a un cuarto mandato á fronte da Xunta, pero sinalou que é unha decisión "persoal" e "sexa cal for" a que tome, respectaraa.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda XUNTA
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda XUNTA | Fonte: CONCHI PAZ - Arquivo

"Oxalá (se presente). Gustaríame, encantaríame, e creo que non só a min, senón a moitísima xente e a moitísimos potenciais votantes e mesmo a xente que non é votante do PP noutras eleccións. Imos esperar a súa decisión e tamén adianto que, sexa cal for, nós respectarémola, e for ou non candidato, insisto en que espero que si, a nosa posición sería a mesma: tentar gañar as eleccións con maioría sufuciente para gobernar", aseverou.

Nun encontro coa prensa en Pontevedra para valorar asuntos de actualidade, Rueda lembrou que este 2020 "vai ser un ano electoral si ou si, xa que, como mínimo tocan eleccións autonómicas". Alfonso Rueda concretou que "un dos argumentos principais" da campaña e do balance aséntase en "contrapor" a "inestabilidade" e "falta de xestión, de estar eternamente en funcións" coa situación de "estabilidade" que se vive en Galicia, onde "por décimo ano consecutivo" aprobáronse uns orzamentos que "se executarán con total normalidade".

"Nós imos con esa estabilidade que nos permite ser optimistas. Xa sabemos que o obxectivo é complicado pero tamén o foi no ano 2009, foino no ano 2012, no 2016, e volve selo agora. Nós volvemos saír coa aspiración de gobernar coa maioría necesaria para poder ter outro catro anos de estabilidade en Galicia", remarcou.

VOX E CIUDADANOS

Rueda recoñeceu que agora hai dúas novas candidaturas, as de VOX e Ciudadanos, "que se poden estar a disputar parte do noso electorado", pero indicou que no caso da formación de ultradereita "deu mostras dabondo de que entende moi pouco o que pasa en Galicia" e apuntou que "eles mesmos dixeron que o seu obxectivo fundamental é cargarse a Feijóo", polo que pediu á cidadanía "que tome nota".

Respecto de Ciudadanos e a súa "política errática", Alfonso Rueda referiuse a os resultados últimos electorais da formación laranxa "e nada indica que poidan mellorar". "Dependemos de nós mesmos", sostivo o presidente do PP pontevedré, para concluír que "iso non o pode dicir ningún outro partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 puturru de pepemaria

humor negro de pleitesía o amo oscuro de expaña na Galiza, pero ben que se pode esperar dun autentico servo burocratico senon manexar ilusionismo para activar a boa fe dos votantes de chupadangas, voxismo, peperinato e outras raleas malditas e nefandas que teñen afundido o país galego na miseria e a servidume a unidade de expaña