Santiago rexistrou en 2019 máis horas de sol que a media anual nas últimas tres décadas

Foi un ano normal en canto a choivas e rexistrouse a máxima temperatura da cidade no mes de maio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

A insolación de 2019 estivo por enriba da media anual nas tres últimas décadas en Santiago de Compostela, durante un ano normal en canto a cantidade de choivas e que rexistrou a máxima temperatura da cidade no mes de maio. Así o indican os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, que fixo público este xoves o seu balance de 2019.

Catedral de Santiago de Compostela.
Catedral de Santiago de Compostela.

O director do Observatorio, José Ángel Docobo, explicou que, ao concentrarse a maior parte das precipitacións no último trimestre, a sensación é que 2019 foi "un ano moi chuvioso e de pouco sol". Con todo, precisa, nos primeiros nove meses do ano, a choiva caída "foi máis ben pouca", polo que na comarca de Compostela 2019 foi normal neste ámbito.

De xaneiro a setembro, incluído, recolléronse 894 litros por metro cadrado, mentres que de outubro ata final de ano foron 977,2. Os 1.871,2 litros por metro cadrado de precipitación total en 2019 só superaron lixeiramente a media das últimas décadas, situada en 1.800 litros por metro cadrado.

Maio foi un mes "excepcionalmente seco", recolle o informe, con só 47,5 litros por metro cadrado, mentres que novembro repetiu como o máis chuvioso, con 431,9, seguido de decembro, con 288,4 litros por metro cadrado.

Ao longo do ano houbo 17 días nos que a choiva na área de Santiago superou os 30 litros por metro cadrado, destacando o 14 de decembro (68,5) e o 5 de marzo (67,7).

Así mesmo, houbo 186 días de choiva (o 51% do ano), que diminúen a 166 se se eliminan aqueles nos que as precipitacións foron "inapreciables", uns rexistros "totalmente normais" en Santiago, explica Docobo, que engade que durante 2019 non nevou na cidade e houbo treboadas en nove xornadas.

TEMPERATURA MÁXIMA EN MAIO

Segundo os rexistros do Observatorio, o bo tempo rexistrado en maio desembocou nun feito pouco habitual, que a temperatura máxima do ano se prodicise nese mes.

Así, os 33,7 graos medidos o 31 de maio de 2019 foron a temperatura máis elevada do ano, por enriba dos 32,6 do 22 de xullo, o segundo valor, e dos 32,4 graos do mesmo día do mes de agosto.

Ao longo do ano pasado, o termómetro pasou en Santiago dos 30 graos en 14 xornadas, catro delas en maio, catro en xullo, tres en setembro, dous en agosto e unha en xuño. A temperatura máxima máis baixa foi o 16 de decembro, con só 7,4 graos.

Ademais, só se rexistraron mínimas baixo cero dentro da cidade dous días: o 3 de febreiro (-0,8 graos) e o 5 de xaneiro (-0,6 graos). A mínima máis alta correspondeu aos 18,3 graos do 17 de agosto e as temperaturas máximas foron "anormalmente elevadas" entre os días 25 e 29 de decembro, cando se alcanzaron os 19,5 graos.

En canto á insolación, rexistráronse ao longo do ano 2.213 horas e 31 minutos de sol en Santiago, o que supón o 50% das posibles. Tan só se superaron estes valores en 2005, 2016 e 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta