Os socialistas galegos están convencidos de que o tempo das maiorías absolutas rematou en Galicia

Gonzalo Caballero apunta a construír unha axenda para a maioría social que "varrerá a Feijóo do control político".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, está convencido de que o tempo das maiorías absolutas rematou en Galicia e que sobre ese escenario será sobre o que a cidadanía "terá que decidir se quere optar por unha maioría de progreso" ou polo "control da dereita e a ultradereita" tras as eleccións autonómicas deste ano.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Coa mira posta neses próximos comicios que, se non se adiantan, serán despois de verán, Gonzalo Caballero explicou este venres que a estratexia do PSdeG pasa por "envorcarse coa axenda" que busca construír para "unha maioría social" en Galicia.

Iso será o que "varrerá" ao actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "control político de Galicia", sobre todo cando "xa sabe que ten un pé fóra" do Goberno galego aínda que "faga malabarismos para aferrarse", destacou o líder socialista.

As próximas eleccións galegas farán que os populares "abran as portas á ultradereita en Galicia" e en fronte atoparán un PSdeG "preparado para afrontalo", asegura.

MAIORÍA DO PAÍS

Pola súa banda, explicou que están a traballar para "a configuración dun proxecto de maioría do país que está coordinado polo presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga" e que conta cun "laboratorio de ideas", así como "unha campaña de mobilización" para estar presente en "todos os recunchos de Galicia".

A súa vocación é "gañar" e ser a primeira forza política, pero están dispostos a "construír con todos os sectores progresistas para facer unha grande alianza". Aínda que o obxectivo sexa "fortalecer o PSdeG", Caballero destacou que "desexa e respecta que o resto de forzas teñan capacidade de potenciar a súa posición política e conquerir o maior apoio posible".

Neste sentido, sostén a súa "boa relación con todas as forzas progresistas galegas" que define como "cordial e frutífera" e así é como se mostran tanto no Parlamento como a nivel estatal.

A xuízo de Caballero o "cambio político" só chegará desta maneira, cun "proxecto centrado en grandes temas que Feijóo deixou" de lado como "o reto demográfico, industrial ou os servizos públicos" e que os socialistas queren recuperar a través do "progreso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta