Estes son os principais acordos entre PSOE e BNG para investir a Pedro Sánchez

A transferencia da AP-9 e rebaixas nas peaxes, principais acordos entre PSOE e BNG para investir a Sánchez. O pacto inclúe que Galicia manterá "o mesmo status" que Cataluña e Euskadi se se produce "modificación da estrutura territorial do Estado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2020 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

O único deputado co que o BNG conta no Congreso, Néstor Rego, votará "si" á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno a cambio da transferencia a Galicia da autoestrada AP-9 este mesmo ano e de bonificacións nas peaxes para os usuarios recorrentes.

O membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra; e o secretario xeral do Grupo Socialista, Rafael Simancas
O membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra; e o secretario xeral do Grupo Socialista, Rafael Simancas | Fonte: PSOE.

Entre os puntos cos que conta o acordo subscrito a última hora da tarde do venres entre Adriana Lastra, polo PSOE, e Ana Pontón, polo BNG, figura que o Congreso dos Deputados aprobará a proposición de lei do Parlamento galego para a transferencia da AP-9 "ao longo do ano 2020", cando se celebrarán eleccións autonómicas en Galicia.

Así mesmo, os nacionalistas galegos conseguen unha das súas reivindicacións máis insistentes nos últimos tempos: rebaixas nas peaxes desta infraestrutura básica na vertebración de Galicia. Así, o compromiso é que se garanta "como mínimo" a bonificación do 100% da peaxe para os usuarios que empregan a autoestrada dúas ou máis veces ao día, "tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana".

"O custo desta bonificación corre a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado e aplicaríase a partir da aprobación do PGE de 2020", reza o texto, no cal tamén se alude á gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o compromiso de "eliminar durante a lexislatura" o impacto do incremento extraordinario de tarifas acumulativo durante 20 anos.

Outros acordos en materia de infraestruturas aluden á execución do coñecido como "nó de bombeiros" en Pontevedra, cidade gobernada polo BNG, a modernización da rede ferroviaria galega ou completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña por tren este mesmo ano.

COMPETENCIAS

Tras unha intensa xornada na que o BNG reuniu a súa Executiva en Santiago e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, trasladouse despois a Madrid para rubricar o acordo, coñécese tamén que o pacto cos socialistas é proceder "durante a presente lexislatura" á transferencia das competencias "pendentes".

A pesar de que a negociación de transferencias corresponde ao Goberno autonómico, o acordo PSOE-BNG apela á proposta de convocatoria da comisión mixta de transferencias xa no primeiro trimestre de 2020, para programar durante a presente lexislatura o traspaso "da totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía, así como as competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego".

"Impulsar, a través do diálogo entre partidos e institucións, as reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza" figura no punto 2 do acordo, no cal tamén se arrinca o compromiso de que Galicia manterá "o mesmo status" que Cataluña e o País Vasco se se produce "calquera modificación da estrutura territorial do Estado".

OUTROS ACORDOS

Os nacionalistas galegos tamén arrincaron ao PSOE que o Goberno central se manifestará "a prol do traslado da planta de Ence a outro enclave máis adecuado ambiental en Galicia, a través dunha fórmula que permita manter o emprego".

Así mesmo, obteñen a palabra socialista de asegurar que Elnosa cumpre coa reversión dos terreos que foron obxecto de concesión para garantir a súa limpeza e posterior recuperación xa este mesmo ano.

Medidas para rebaixar a factura enerxética das empresas electrointensivas tamén están recollidas no acordo do PSOE co BNG, que reclama a "máxima urxencia" na aprobación do estatuto destas industrias e esixe a recuperación da actividade dos estaleiros Barreras e Vulcano, así como converter Navantia nun "complexo industrial integral que apoie a súa actividade na construción naval civil" e a activación "inmediata" da mesa de traballo sobre Alcoa en San Cibrao.

O saneamento das rías, impulso á lingua galega, a creación de xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense, o compromiso de que o Goberno achegue nesta lexislatura o 50% estable que corresponde ao Estado para financiar a Lei de Dependencia e que este mesmo ano se adopten medidas para que os emigrantes retornados non sufran unha dobre tributación polas prestacións que reciben desde o estranxeiro tamén figuran entre os compromisos.

Finalmente, o acordo tamén alude á derrogación da reforma laboral, da reforma das pensións, da LOMCE, do artigo 315.3 do Código Penal, que castiga con cárcere os piquetes, e a coñecida como "Lei Mordaza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

4 Ros

Pois xa consegui mais 1 deputado que 50 do pp/psoe. Unha vez mais bng demostra ser a ùnica forza que mira algo pola terra

3 Xian do Sil

Impulso á lingua galega? Isto soa a máis pasta para os chiringos da U

1 Ros

Hai un punto que recolle o fomento fo galego nas areas de castela e asturias e a blindaxe da toponimia

2 nostrus

Galicia manterá "o mesmo status" que Cataluña e o País Vasco se se produce "calquera modificación da estrutura territorial do Estado".E digo eu: ¿e porque o mesmo estatus que Cataluña e Euskadi e non como as demais rexions?. Ao mellor é porque se supon que Cataluña e Euskadi van disfrutar dalgun privilexio...¿por que unhas autonomias van ter mais privilexios ca outras?. Ao final os tan cacareados e supostos defensores da igualdade son os seus maiores depredadores.

1 Alienao

Porque Galiza é unha nación chea de sipaios coma ti.

2 Ao tempo

Cando teñamos problemas cas pensions, ca sanidade, e subsidios varios . Cando se rache ca caixa unica da SS, imonos a dar conta do que e apoiar aos "ricos" Catalans e Vascos.

3 Ros

Quizais por seremos unha nacionalidade hca non creada da noite pra mañá?

1 A Tahona

O papel aguanta de todo o que lle escriban ¡¡¡. Lembro cando Pacorro apoiaba os orzamentos de Solbes por 1 quilómetro de vía do AVE ata Ferrol, e aínda hoxe non hai esa vía

1 Inversións con xeito

O AVE é unha ruina. Ainda ben deitamos que non cumpliron!