O traspaso da AP-53 e as competencias en Salvamento e Tráfico, tamén presentes na negociación PSOE-BNG

Aínda que o acordo de investidura non as recolle, serán cuestións tratadas na Comisión Mixta de Transferencia entre Xunta e Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2020 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O traspaso da AP-53, que conecta Santiago con Dozón (Pontevedra), así como das competencias en Salvamento Marítimo e en Tráfico son algunhas das cuestións que se abordarán na Comixión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Estado ás que alude o punto primeiro do acordo entre o PSOE e o BNG.

(I-D) O membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra; e o secretario xeral do Grupo Socialista, Rafael Simancas
(I-D) O membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra; e o secretario xeral do Grupo Socialista, Rafael Simancas | Fonte: PSOE.

Tal e como indican fontes do Bloque, todas elas son materias non recollidas de forma explícita no documento asinado a última hora do venres entre a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e a portavoz socialista no Congreso, Adriana Lastra, para que Néstor Rego vote 'si' na sesión de investidura do aínda presidente en funcións, Pedro Sánchez.

E é que aínda que devandito acordo non incorpora a listaxe de transferencias, recolle no seu punto primeiro o compromiso de "avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno galego" e a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Estado no primeiro trimestre do 2020 para abordar as competencias recoñecidas no Estatuto de Autonomía e aínda pendentes de traspaso.

Ademais da AP-53 e a xestión de Salvamento e Tráfico, os nacionalistas galegos inciden no ámbito pesqueiro e poñen enriba da mesa a xestión do litoral e o dominio público máritimo terrestre, da pesca en augas exteriores, a inspección marítima e a expedición de cartóns e titulacións náuticas.

As competencias pendentes de traspaso ás que alude ese punto número uno tamén inclúe a planificación, construción e xestión das obras hidráulicas da conca Miño-Sil, dependente do Estado, así como as autorizacións destes recursos.

Así mesmo, o BNG recolle a reclamación de competencias en organismos de investigación mariña, en xestión do sersonal ao servizo da Administración de Xustiza, en inspección de traballo e nas bolsas e axudas non universitarias. Ademais, pide a titularidade da Seguridade Social, así como dos arquivos e bibliotecas do Estado.

DOCUMENTO RATIFICADO

A pesar de que todas elas son cuestións "pendentes" pero non contempladas no documento final do acordo, o Bloque si obtivo do PSOE o compromiso de aprobar no Congreso a proposición de lei emanada do Parlamento galego para a transferencia da AP-9 "ao longo do ano 2020".

Ademais, os nacionalistas galegos conseguiron a promesa de rebaixar as peaxes desta infraestrutura básica na vertebración de Galicia, a través do compromiso de que se garanta "como mínimo" a bonificación do 100% da peaxe, a cargo do Estado, para os usuarios que empregan a autoestrada dúas ou máis veces ao día, "tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana".

En materia de infraestruturas, aluden á execución do coñecido como "nó de bombeiros" en Pontevedra, cidade gobernada polo BNG, a modernización da rede ferroviaria galega ou completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña por tren este mesmo ano.

O acordo recolle tamén cuestións como o compromiso de que Galicia manterá "o mesmo status" que Cataluña e o País Vasco se se produce "calquera modificación da estrutura territorial do Estado"; unha aposta polo traslado de Ence da ría de Pontevedra; medidas para rebaixar a factura enerxética das empresas electrointensivas; o impulso á lingua galega; e o 50 por cento estable que corresponde ao Estado para financiar a Lei de Dependencia na Comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Como a Carta dos Reis Magos non está mal... (pero se non cres nos Reis?)

1 Toco Mocho

Entón carta a Yolanda (y olé!) ou a Gamela, moito mais efectivo.....

2 Tocopoco

Que boa foto tocomocho