Temas: DESAPARECIDO

O envellecemento e a dispersión poboacional agravan o problema de persoas desaparecidas en Galicia

Os últimos datos, de 2018, indican que foron denunciadas 186 desaparicións. A Garda Civil insta a denunciar canto antes e SOS Desaparecidos reclama protocolos e programas de asistencia ás familias.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/01/2020 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O envellecemento e a dispersión poboacional acrecentan o problema das persoas desaparecidas en Galicia, na que, de acordo cos últimos datos rexistrados polo Centro Nacional de Desaparecidos (CNDES), a 31 de decembro de 2018, contabilizáronse un total de 186 denuncias de desaparecidos.

Mergulladores do grupo GEAS da Garda Civil buscando un desaparecido no río
Mergulladores do grupo GEAS da Garda Civil buscando un desaparecido no río | Fonte: Garda Civil.

Así o aseguraron desde a Garda Civil —cuxos profesionais, xunto a outros colectivos, participan activamente na procura de persoas— e desde SOS Desaparecidos. Nun caso, instan a denunciar canto antes a desaparición para activar os recursos dispoñibles e, noutro, reclaman protocolos, ademais de programas de asistencia ás familias.ç

Tras o caso rexistrado esta semana dun veciño de Porto de Son, de 89 anos, con demencia e que finalmente puido ser localizado, a Benemérita aconsellou que "as persoas moi maiores ou con algún tipo de demencia, usen dispostivios que permitan a xeolocalización". "Pode ser incluso un móbil, pero pódeselles perder facilmente", explicaron lembrando que no mercado existen medios que poden aforrar "desgustos" deste tipo.

Tamén o coordinador de SOS Desaparecidos en Galicia, Wenceslao Yáñez, admite que desde esta entidade preocúpanlles "moito" as desaparicións neste colectivo e tamén en persoas "moi vulnerables". A iso, suma "o aumento" das denuncias por fugas de menores internados en centros.

"É un tema preocupante a estudar e darlle unha solución", incide. En ambos os casos, reclama a creación dunha comisión para tratar a desaparición de maiores e fuga de menores no ámbito familiar e de centros de menores "para abordar medidas preventivas e de asistencia".

DENUNCIAS EN 2018

De acordo cos datos do CNDES, a 31 de decembro de 2018 —os últimos dispoñibles á espera de que se elabore o informe de 2019—, contabilizáronse 186 denuncias activas de desaparecidos en Galicia, "dos cales 17 foron considerados de alto risco e 169 de risco limitado", apuntan desde SOS Desaparecidos.

No que se refire a as denuncias activas clasificadas en nivel de alto risco a esa data, Galicia situouse entre as comunidades cunha incidencia máis alta, xunto a Cataluña, Andalucía e Canarias.

Do total de desaparicións contabilizadas a 31 de decembro de 2018, 73 corresponderon á provincia da Coruña; 63 á de Pontevedra; 25 á de Lugo e o mesmo número á de Ourense. No que se refire a menores, as denuncias activas eran, por provincias, de 17 na da Coruña; 12 na de Lugo; 23 na de Pontevedra e 5 na de Ourense.

Respecto dos motivos que levan a alguén a desaparecer, cando é algo voluntario, Wenceslao Yáñez asegura que "cada desaparición é un mundo" polo que considera que "sería bo facer un estudo" para determinar os motivos.

En canto ás axudas existentes, afirma que "sempre son poucas", aínda que destaca que "hai máis concienciación" tanto a nivel social como institucional. Mentres, subliña "os medios profesionais" dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e dos equipos de rescate e emerxencia.

MÁIS MEDIOS

Con todo, sostén que "faltan medios materiais e económicos", a pesar da mellora que, segundo explica, supuxo a creación do CNDES. Mentres, apoia un protocolo de desaparicións e dunha unidade específica de desaparecidos, actuacións das que afirma que están xa en marcha ou empezando a crearse.

A iso, suma a creación de programas de asistencia ás familias. "Consideración de vítimas, declaración de ausencia...", cita, entre outras demandas. Tamén avoga pola creación dunha comisión para tratar as desaparicións.

Pola súa banda, desde a Garda Civil, o capitán da primeira compañía da Coruña, Pablo Lago, lembra que, no seu caso, contan con unidades aéreas; o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS); equipos de rescate especial ou cans de procura, entre outros medios.

Ademais, sinala que en cada provincia hai un "responsable policial ante casos de persoas desaparecidas". Por outra banda, precisa que que cada corpo policial (Policía Nacional e Garda Civil) "mecaniza datos estatísticos sobre a temática en cuestión, os cales son refundidos pola Secretaría de Estado de Seguridade".

DENUNCIAR PRONTO

"Habitualmente, a operativa da Garda Civil iníciase mediante a posta en coñecemento do feito por parte dun familiar, amigo ou coñecido da persoa obxecto de localización", explica o capitán Pablo Lago.

Ao fío diso, insiste en que a denuncia se debe efectuar "o máis axiña posible, dado que unha vez recibida pola Garda Civil, ponse automaticamente en marcha o procedemento de actuación". Tamén explica que se son casos de alto risco a Policía Xudicial "toma as rendas da investigación".

REDES SOCIAIS

Sobre a colaboración cidadá, apunta que "adoita variar segundo zonas urbanas ou rurais, sendo maior nestas ultimas, quizais porque as relacións son máis estreitas e persoais". Respecto da forma en que esta se materializa, asevera que pode ser individualmente como a través de asociacións que prestan a súa colaboración na realización de batidas sobre o terreo.

En canto á percepción que a sociedade ten destes casos, o capitán Pablo Lago cre que "a ampla repercusión mediática e a rápida difusión a través de distintas redes sociais ou grupos de mensaxería instantánea" facilita a organización de procuras, "mesmo antes de que os familiares denunciasen a desaparición.

Mentres, Wenceslao Yáñez descarta que as redes sociais incrementen o número de desaparecidos. "O que si teño claro é que ben utilizadas son unha boa axuda para a localización dos desaparecidos".

SERVIZOS DE ALERTAS

Para facilitar a procura destes casos, desde o ano 2014, a Secretaría de Estado de Seguridade, impulsou o desenvolvemento, implantación e despregamento dunha ferramenta para a atención e xestión de servizos de alertas e chamadas xeoposicionadas e mensaxería instantánea coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado desde dispositivos móbiles.

Así o explica o capitán Pablo Lago, que cita a aplicación 'Alertcops'. Entre outras posibilidades, permita a unha persoa, se é vítima ou testemuña dun delito, contactar a través do chat e enviar fotos e vídeos. Tamén inclúe o servizo 'Gardián', co que se poderá compartir a posición dunha persoa cos seus propios familiares ou cos servizos de rescate.

Temas: DESAPARECIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta