A investigación do accidente de Cerceda a noite de Reis requirirá probas de ADN aos falecidos

"Aínda non se saben as causas do accidente", din fontes da Garda Civil.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/01/2020 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

A Garda Civil mantén aberta a investigación polo accidente de tráfico no que dous mozos perderon a vida a pasada noite do domingo cando circulaban pola AC-413 (á altura de Cerceda) e chocaron frontalmente contra outro vehículo, no que viaxaban outras dúas persoas que resultaron feridas.

Accidente en Cerceda.
Accidente en Cerceda.

Así o confirmaron fontes da Benemérita, que precisaron que "aínda non se saben as causas do accidente". Ademais, explicaron que "serán necesarias probas de ADN" para ratificar "fidedignamente" a identidade dos falecidos, debido ao estado no que quedaron os corpos tras o sinistro, aínda que xa, tras o mesmo, se informou de que se trataba de dous mozos, de entre 20 e 30 anos, un veciño de Cerceda e outro de Ordes.

En concreto, os falecidos viaxaban nun Citroën Saxo que, tras o impacto que se produciu no accidente, comezou a arder ata quedar completamente calcinado.

Pola súa banda, os outros dous afectados, un home de 53 anos, A.L.C., e unha muller de 51, M.V.M., viaxaban nun Mercedes todoterreo e resultaron feridos. Necesitaron asistencia sanitaria e foron trasladados en ambulancia ao hospital da Coruña.

O sinistro produciuse sobre as 22,00 horas da noite do domingo, na parroquia de Rodís. As testemuñas do accidente foron as que explicaron ao persoal de emerxencias que se produciu unha colisión.

O 112 Galicia foi quen avisou aos Bombeiros de Ordes para poder sufocar o incendio e liberar a un dos seus ocupantes que permanecía dentro do vehículo. Pola contra, a outra persoa que viaxaba con el saíu despedida do turismo tras o impacto no que perdeu a vida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta