Temas: BNG ANA PONTóN

Ana Pontón: "O BNG conseguiu nun mes máis que Feijóo en dez anos"

Cre que o acordo estatal demostra que "non se avanzou porque non había vontade política" e que o BNG dará "un gran salto" nas galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2020 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prognosticou este martes que a súa formación prevé dar "un gran salto adiante" nas eleccións galegas deste ano, nas que sairán "a por todas" para lograr un "cambio político", algo para o que reivindican o acordo alcanzado en Madrid co seu único deputado, Néstor Rego: "O BNG conseguiu nun mes máis para Galicia que Feijóo en dez anos á fronte da presidencia da Xunta", aseverou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. | Fonte: Europa Press

Nun almorzo informativo en Santiago, a líder nacionalista galega quixo "pór en valor o importante papel que está a xogar o BNG" na política estatal, tras o acordo de investidura con Pedro Sánchez, e lembrou que "en política hai actuar con responsabilidade, seriedade e altura de miras".

Sen "esconder" que o BNG mantén o seu "escepticismo" e "diferenzas" cos partidos que alcanzaron un acordo de Goberno en Madrid, PSOE e Podemos, Ana Pontón garantiu que a súa formación traballou durante "semanas" para alcanzar un acordo que "puxese por diante os intereses de Galicia".

Para a portavoz nacional do BNG, este acordo é "un paso de xigante" que "vai situar as necesidades dos galegos na axenda do Estado", despois de "anos" nos que "Galicia estivo literalmente desaparecida do debate" a nivel estatal, xa que "as forzas estatais pasaban olímpicamente dos problemas de Galicia" e a Xunta "non actuou en función" destes intereses, se non "secuestrada pola estratexia partidista do PP".

"Grazas ao escano do BNG hai un acordo no que Galicia conta", dixo Ana Pontón, que reivindicou cuestións incluídas no texto como o "pór unha data" para a trasferencia da AP-9 a Galicia, as rebaixas das peaxes, actuacións en materia industrial e de prezo da enerxía, a moderización da rede ferroviaria, o incremento de xulgados de violencia de xénero, "máis e mellor" financiamento para a dependencia e o "desbloqueo do autogoberno".

DEIXA "ESPIDO" A FEIJÓO

En clave galega, a portavoz nacional do BNG asegurou que este acordo "deixa espido o presidente da Xunta". "Nun só mes, o BNG conseguiu para Galicia máis que Feijóo en dez anos á fronte da presidencia" da Administración galega, apostilou Pontón, que acusou o presidente galego de "submisión a Madrid" e aos intereses do PP estatal.

"Non se avanzou non porque non se puidese, se non porque non había vontade política de facelo", dixo a líder nacionalista, para quen o acordo do BNG fai ver que "cando hai coraxe e ponse por diante as necesidades de Galicia, é posible que haxa cambios en positivo".

Así, comprometeu que esa será a liña na que Néstor Rego traballará en Madrid, dado que se trata dun acordo de investidura e non de lexislatura. "Temos as mans libres para seguir pondo por diante os intereses do noso país", garantiu.

Por iso, pediu que a Xunta e as forzas políticas en Galicia "arrimen o ombreiro" para conseguir estes puntos e afeou a Feijóo que "parece que se enfada cando se conseguen cousas para Galicia".

ELECCIÓNS EN 2020

A maiores, Ana Pontón reivindicou este acordo a nivel estatal para destacar que o BNG está "a traballar desde a seriedade" e desde o seu "proxecto propio" para conseguir un "cambio político" en Galicia nas eleccións galegas deste ano, que "deixe atrás unha década nefasta, de recortes e de submisión a Madrid".

"Imos a por todas", dixo a portavoz nacional do BNG, que afirmou que, nun escenario político "revolto", está "a demostrarse" que "os cidadáns están a dar as costas ao PP" e ao seu "proxecto político esgotado", fronte a un BNG que dará "un gran salto adiante", cun "proxecto que dá futuro e esperanza á xente".

"Somos unha organización preparada para os retos que ten por diante Galicia", dixo Pontón, que puxo o BNG como exemplo de partido "cohesionado", "serio" e "con capacidade de diálogo", que está "a ensanchar a súa base social".

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Roxalia

O BNG non conseguiu absolutamente nada. Asinou co PSOE "compromisos", e como todo o mundo sabe, os compromisos non comprometen a ninguén. O que hai que asinar son pactos, pactos de goberno como o que asinou Galiza en Común. Eses son os que comprometen e obrigan de verdade, o resto: papel mollado.

1 Chamame Anna

No Pontona, no. Cero no es más que cero.