O actor Fran Núñez, novo director do Centro Dramático Galego

É Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro do Hereje

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a contratación do director de escena e actor Fran Núñez como novo responsable de coordinación do departamento de Produción Teatral, un posto que inclúe a dirección do Centro Dramático Galego (CDG).

Fran Núñez, novo director do CDG
Fran Núñez, novo director do CDG | Fonte: Xunta.

Con este acordo, que publica este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG), finaliza o procedemento de convocatoria pública iniciado o pasado 31 de agosto para cubrir esta praza.

Segundo informou a Xunta, a candidatura de Fran Núñez foi a que obtivo maior puntuación en cada unha das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, un proxecto artístico e unha entrevista persoal.

Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do CDG, así como dirixir, coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro.

Doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, Francisco Javier Núñez Alonso (1986) é máster en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, máster en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro do Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro da Zarzuela, Os Goliardos e Teatro Español (o tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools (Holanda-Francia), Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia.

Co CDG levou a cabo tres coproducións: 'Os catro da Xunqueira' (2009), 'Pangeia' (2014) e 'Se fosen turistas, levarían lentes de sol' (2019).

Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro 'Ponche nas ondas', en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade compaxina o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta