Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2020 | Actualizada ás 18:54
O deputado do BNG Luís Bará rexistrou unha batería de medidas na Cámara de loita contra a corrupción, despois de que o Consello de Contas presentase un informe que deixa "en cueiros" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Nun comunicado, Bará asegura que o informe constata que a Xunta "non fixo practicamente nada" en materia de prevención e control da corrupción. Por tal motivo, o Bloque reclama ao Parlamento a posta en marcha de "fiscalías anticorrupción dotándoas de medios humanos e materiais da Administración de Xustiza".
Así mesmo, como medida prioritaria, demanda "crear unha oficina de denuncias como medio para comunicar situacións relacionadas coa corrupción e a integridade". Ademais, propón crear un comité de ética e un plan de formación sobre integridade para todo o persoal da administración, incluídos cargos públicos, con accións formativos en función do posto.
Xunto a isto, chama a aprobar un plan de prevención e control en atención ás recomendacións do Consello de Contas; á vez que empraza a reformar a lei de transparencia coa creación dunha comisión interdepartamental encargada de velar polo seu cumprimento.
O Consello de Contas deu a coñecer na tarde do 23 de decembro un informe no que apuntaba que encadra no "nivel medio" a implantación do control interno ante a corrupción na Xunta de Galicia, á vez que suxire implantar "de forma gradual" un comité de ética e unha liña específica de denuncias para investigar "posibles actos contrarios á ética institucional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.