O BNG e o Goberno reuniranse en 15 días para "calendarizar" o acordo

Ana Pontón e Néstor Rego aseguran que estarán "atentos" a que se cumpra co acordado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O BNG e o Goberno central reuniranse nun prazo de 15 días nunha comisión de seguimento do acordo asinado co fin de "calendarizar" o cumprimento dos compromisos.

Diso informou este xoves en rolda de prensa a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen avisaron de que estarán "atentos" a que se cumpra co acordado.

Neste sentido, Rego explica que todos os temas a tratar son "importantes", pero os dous "urxentísimos" pasan pola crise industrial galega e a necesidade dun estatuto para as empresas electrointensivas, así como unha transición enerxética para as plantas de carbón das Pontes e Cerceda.

Ademais, no prazo de tres meses debe convocarse a Comisión Mixta de Transferencias entre os executivos galego e español para avanzar no traspaso a Galicia de diferentes competencias pendentes.

Ana Pontón e Néstor Rego en rolda de prensa na sede do BNG
Ana Pontón e Néstor Rego en rolda de prensa na sede do BNG | Fonte: Europa Press

"UN ANTES E UN DESPOIS NO TRATAMENTO A GALICIA"

De tal forma, Rego remarca que este acordo supón "un antes e un despois no tratamento a Galicia" tras catro anos "ausentes", pois agora "Galicia está", "conta" e "os seus problemas forman parte do debate político" e "as solucións póñense sobre a mesa". "Quen estableceu esa diferenza foi o BNG", deixa claro.

"O BNG está a ser capaz de condicionar o programa e a acción en relación co noso país", valora. Así, sinala que se fai "cun deputado", polo que a representación "non ten que ver co número", senón con ser "unha forza nitidamente galega como é o BNG".

A este respecto, o deputado no Congreso enumerou que o texto recolle medidas como a transferencia e descontos na AP-9, atención a infraestruturas ferroviarias, así como o financiamento da lei de dependencia, entre outros.

Pola súa banda, Ana Pontón fixo balance do papel xogado polo Bloque na investidura para ser "peza clave" e "situar de novo a Galicia no mapa político do Estado". "Imos a Madrid non a obedecer, senón a defender os intereses dos galegos", asevera.

Respecto da AP-9, a preguntas de prensa sobre a posibilidade de que leven a cabo descontos na autoestrada a partir de verán, Pontón sinalou que "grazas ao acordo do BNG pásase de anos" nos que os executivos do PP e PSOE provocaban subidas a que haxa "rebaixas importantes".

Tamén preguntou a prensa sobre o grao do alcance do acordo en relación con Ence. Rego garante que no pactado está "suficientemente claro" que vai haber unha "posición favorable" do Estado ao traslado da fábrica fóra da ría de Pontevedra.

"BERRINCHE" DE FEIJÓO

Nesta liña, Ana Pontón afeou o "berrinche" de Feijóo porque haxa un acordo que "é positivo para Galicia" e que o deixa "en evidencia". Reprocha que o papel do titular da Xunta "é irrelevante". Así mesmo, Néstor Rego enxalzou que o Bloque fose "capaz de desbloquear" algúns dos "principais graves problemas", "cousa que non aconteceu con 10 anos de Núñez Feijóo á fronte da Xunta".

A continuación, Rego advirte de que para que o acordo se vexa cumprido "na súa totalidade" en materias como as de transferencias é preciso que haxa "un novo goberno en Galicia" en 2020, que supoña "un cambio de políticas".

Sobre este extremo, o deputado cre que "as reaccións de rabia incontida" nas redes sociais do presidente da Xunta "deixaron perfectamente retratada a incompetencia de Núñez Feijóo", porque "se ve reflectido no espello da súa inoperancia". E é que resalta que o pacto recolle que o Estado transfira a Galicia todas as competencias recollidas no Estatuto de Autonomía, mentres en 10 anos de Feijóo na Xunta "non houbo nin unha soa transferencia".

CAMBIO NAS URNAS

Cuestionada sobre como se vai xestionar a alianza entre Bloque e socialistas de cara ás autonómicas deste ano, Pontón avisou de que "o cambio onde ten que visibilizarse en primeiro lugar é nas urnas". Por iso, asegura que o obxectivo do Bloque "é moi claro" e identifícao con "liderar ese cambio político en Galicia". "Porque temos proxecto, organización e unha alternativa sólida", afirma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta