Piden 6 anos para o interventor municipal de Fisterra que se autoingresou 26.000 euros

O investigado detraeu diñeiro público "aproveitando as facultades de disposición que o seu cargo lle facilitaba", di o escrito da Fiscalía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña celebrará a partir deste luns o xuízo contra JR.L.F., o ex secretario interventor do Concello de Fisterra para o que piden seis anos de cárcere por falsidade documental e malversación de caudais ao autoingresarse máis de 26.000 euros das arcas municipais.

Segundo o escrito de Fiscalía, recollido por Europa Press, entre xaneiro de 2011 e decembro de 2012 o investigado detraeu diñeiro público "aproveitando as facultades de disposición que o seu cargo lle facilitaba". E é que, debido ao seu posto, correspondíalle a firma das ordes de pago das nóminas e a remisión destas ao banco para que se cargasen na conta do Concello.

Neste contexto, o Ministerio Público afirma que JR.L.F. "manipulou e alterou as súas propias nóminas" e as ordes de pago, tras presentalas ao alcalde e ao tesoureiro do Consistorio, substituíndo as datas e inserindo anotacións manuscritas con outras cantidades que despois xustificaba por vacacións, anticipos e outros conceptos.

Para Fiscalía, está claro que o interventor coñecía que estas partidas "ou ben non lle correspondían ou ben eran obtidas polo investigado prescindindo do procedemento legalmente establecido para iso". En total, subtraeu 26.013,26 euros.

Por todos estes feitos, JR.L.F. está acusado dun delito continuado de falsidade en documento oficial e malversación de caudais públicos, polos que se enfronta a seis anos de prisión e 10 de inhabilitación para empregos relacionados co manexo de caudais públicos. Ademais, deberá indemnizar con 26.013 euros ao Concello.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta