Dez cousas que debes saber de Nadia Calviño

Quen é e que fixo a galega que será vicepresidenta de Economía e Transformación Dixital?

Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 14/01/2020 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

A coruñesa declárase "firme europeísta" e defende que haxa organismos reguladores fortes que defendan os consumidores. Declárase coma unha traballadora moi disciplinada e, ata agora, foi a directora xeral de orzamentos da Comisión Europea. Desta vez, encargarase dunha das catro vicepresidencias do novo Goberno (a terceira), concretamente a de Economía e Transformación Dixital.

Nadia Calviño durante a súa intervención nunha conferencia sobre financiamento do Acordo París.. Eduardo Parra - Europa Press
Nadia Calviño durante a súa intervención nunha conferencia sobre financiamento do Acordo París.. Eduardo Parra - Europa Press

A que repite tamén no Ministerio de Economía (nomeada en 2018) terá coma tarefas principais abordar a dixitalización do Estado, rachar coa 'fenda dixital' ou coordinar as decisións do resto dos ministerios en materia económica desde a Comisión delegada.

Fronte á outra galega na formación do novo goberno, Yolanda Díaz, de Unidas Podemos, que será Ministra de Traballo, existen discrepancias no referente á derrogación da reforma laboral de 2012 -á que Calviño se opón-, na implantación da 'mochila austríaca'.

  1. Nadia María Calviño Santamaría naceu na Coruña no 1968. Mudouse cedo a Madrid, onde estudou na ensinanza privada, no colexio Estudio. Licenciouse en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e en Dereito pola UNED.
  2. É a filla do exdirector de RTVE, José María Calviño, o primeiro director da cadena pública durante o primeiro goberno de Felipe González, entre 1982 e 1986.
  3. Comezou traballando de consultora económica en dous despachos de avogados, en Madrid, entre 1989 e 1997. Ademais, foi profesora de Política Económica e do Sistema Financieiro español entre 1991 e 1994.
  4. Pedro Solbes nomeouna directora xeral de Defensa da Competencia. Calviño iniciou a súa relación coa política coa oposición no Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado (TECO). Actualmente cunha excedencia, traballou dez anos no ámbito da administración pública, no Ministerio de Economía e Facenda. Foi o quen ela considerou o seu "padriño político" e, tamén exministro de Economía no goberno de Zapatero, Pedro Solbes, quen a introduciu totalmente na política española e abriulle paso á europea entre 2004 e 2006. Solbes foi o responsable das políticas 'pro-burbulla' durante o 2009.
  5. Traballou na Comisión Europea. Desde 2006, foi subdirectora de Competencia en Bruxelas. Deixouno en 2010 para ocupar até abril de 2014 o cargo de subdirectora de Mercado Interior. Grazas a este posto e á súa vida en Bruxelas, sabe falar inglés, francés e alemán. Ela considérase acérrima defensora das políticas pro-finanzas da Unión Europea.
  6. Foi nomeada directora xeral de Orzamentos. Obtivo unha boa reputacion na UE. Polos seus despachos, pasaron temas de gran relevancia social, coma o Brexit ou os propios orzamentos da UE. Moitos considéranna "clave" para as negociacións de políticas neoliberais coas entidades europeas.
  7. Volveu a España para ser ministra de Economía e Empresa. Tras 12 anos traballando en Bruxelas, decidiu volver a Madrid tras a chamada de Pedro Sánchez, despois da moción de censura que o PSOE presentou contra o goberno de Mariano Rajoy en 2018. Agora terá ese cargo máis o de terceira vicepresidenta e ministra de Transformación Dixital.
  8. Ten boa relación coa presidenta do Banco Santander e con Alberto Núñez Feijóo. Ana Botín alabou o seu nomeamento coma ministra no 2018. Calviño ten participado en diferentes conferencias da entidade bancaria. Deste modo, levantou polémica polas investigacións por roubos das que se lle acusa ao banco. Ademais, ten unha boa amizade co presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que "lle alegra" o nomeamento e que ten "un perfil máis adecuado ca outros" para o Goberno de España.
  9. Ten un patrimonio valorado en 397.902 euros. En 2018, declarou 109.227 euros en aforros e 288.675 en bens inmobles. Non declara débedas.
  10. Intentará aplicar a 'Taxa Google' e a 'Taxa Tobín'. Segundo o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado de 2019, o Goberno prevé recadar 1.200 millóns de euros grazas ao imposto que se aplicará ás empresas tecnolóxicas. A medida proposta pola Comisión Europea gravará cun 3% os ingresos de publicidade on-line, intermediación e venda de datos de usuarios en territorio español, algo polo que antes non pagaban nada. Con todo, isto pode traer tensións a Nadia Calviño con EE.UU ou Francia, que se amosan contrarios a esta medida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PPSOE

Nadia será o brazo neoliberal que presente Sánchez de cara ás políticas da UE. Amiga de Botín e Feijóo... pinta mal