A posible marcha de Manuel Lago ao Ministerio de Traballo abre a porta a que En Marea gañe un quinto escano

O deputado do Grupo Común da Esquerda non aclarou formalmente se se incorporará ao gabinete da ministra Yolanda Díaz. Se se dá o caso, En Marea quedaría a só un deputado do BNG e, xuntas, as forzas nacionalistas sumarían 11 escanos, superando en dous a Común da Esquerda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

A situación do deputado do Grupo Común da Esquerda Manuel Lago, que polo momento non aclarou formalmente se se incorporará ao gabinete da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, podería carrexar cambios no espectro rupturista da Cámara galega e lograr que En Marea, no Grupo Mixto, aglutine ata cinco escanos.

O portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Manuel Lago.
O portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Manuel Lago.

De materializarse a marcha de Lago a Madrid, a seguinte que concorreu na lista ás autonómicas de 2016, presentada baixo o nome de En Marea, é a que fora decana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, Mariló Candedo, persoa afín ao portavoz do partido instrumental, Luís Villares.

Por iso, espérase que, de desembarcar na Cámara galega, se incorpore ao Grupo Mixto ao tomar posesión e deixe o Grupo Común da Esquerda cun representante menos.

Preguntada respecto diso, Luca Chao explicou que Manuel Lago aínda non trasladou a súa decisión ao grupo e pediu respectar os tempos adoptados polo deputado. En todo caso, a parlamentaria xa avanzou que vería "un atraco democrático" que unha integrante de En Marea asumise a acta de Lago.

Aínda que Villares e a súa contorna están á espera de que se despexe o escenario, se Mariló Candedo, a quen o maxistrado en excedencia promoveu sen éxito como senadora por designación autonómica, substitúe a Lago, o Grupo Común da Esquerda baixaría de dez a nove deputados, mentres que os representantes de En Marea, actualmente no Mixto, pasarían de catro a cinco, quedando a un do BNG. Así, daríase o caso de que as dous forzas nacionalistas superarían a Común da Esquerda se sumasen os seus escanos.

O regulamento da Cámara sitúa en cinco o listón mínimo para artellar un grupo parlamentario, pero tamén regula como se conforma e, aínda que Villares e os seus poden tentalo e alegar, vetaría en principio que, aínda sumando, se constitúan como grupo propio.

A EXCEPCIÓN: QUE SE EXTINGA A ACTIVIDADE DO PARTIDO

E é que o artigo 23 do regulamento do Parlamento galego recolle que a cosntitución inicial de grupos parlamentarios se fará dentro dos cinco días seguintes á sesión constitutiva do Parlamento, é dicir, ao arranque da lexislatura, mediante escrito dirixido á Mesa da Cámara.

No artigo 25 engádese que os deputados que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva do Parlamento deberán incorporarse a un grupo parlamentario (dos existentes) dentro dos cinco días seguintes a esta adquisición.

Xa no artigo 26 do regulamento faise constar que, iniciado un novo período de sesións, os deputados poderán incorporarse ao grupo parlamentario que desexen dos constituídos.

Precisa que "só para o suposto" de que "por calquera circunstancia se extinguisese ou finalizase a actividade do partido ou coalición electoral" polo que concorresen --non é o caso de En Marea, que segue funcionando como partido--, poderían constituír, "por unha soa vez", grupo ou grupos parlamentarios distintos se constituísen as esixencias previstas nesta norma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta