Solicitan a posta en liberdade do detido pola morte do mozo de Oleiros en Noitevella

Este martes declararon como investigados por un delito de lesións o pai e o cuñado da vítima.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A defensa do mozo de 27 anos que ingresou en prisión pola morte doutro en Oleiros o día de Ano Novo solicitou a súa posta en liberdade, segundo informou o seu avogado, Diego Reboredo. Fíxoo coincidindo coa declaración, como investigados por un delito de lesións, do pai e do cuñado do falecido.

Exterior do hotel Attica 21, en Oleiros, onde se produciu a pelexa.
Exterior do hotel Attica 21, en Oleiros, onde se produciu a pelexa.

Sobre as declaracións de ambos, realizadas no xulgado de instrución que leva o caso, declinou facer calquera comentario "por respecto e deferencia", sinalou ao termo das mesmas aos xornalistas. Ademais, recalcou que aínda se segue pendente das probas "máis obxectivas e imparciais", dixo, citando o resultado da autopsia e a declaración de empregados do hotel.

No entanto, antes de que tivesen lugar estas declaracións, o letrado mostrouse convencido de que irían na liña de responsabilizar ao seu cliente, o único que ingresou en prisión de maneira provisional tras prestar declaración como investigado por un delito de homicidio. O outro detido, de 33 anos, quedou en liberdade con comparecencias quincenais e investigado por un delito de lesións.

AUTOPSIA, PENDENTE

Respecto da autopsia ao falecido -que morreu durante unha pelexa que se produciu no exterior do establecemento hostaleiro onde ambos os grupos celebraban o Fin de Ano, confirmou que aínda non se coñece o seu resultado e que, por ese motivo, presentaron un escrito "para que coa maior celeridade posible o Imelga emita un informe".

"É a pedra angular deste asunto", recalcou o letrado ao incidir en que é "fundamental" coñecer a causa da morte. "Vai determinar un pouco a liña deste procedemento", recoñeceu. Mentres, o avogado puxo en dúbida que o cinceiro metálico co que, segundo a Garda Civil, foi golpeada a vítima teña "o peso e a contundencia" necesaria para provocar a morte da vítima.

PETICIÓN DE LIBERDADE

"É insuficiente para causar a morte dunha persoa con intención", insistiu. Ademais, recalcou que o seu representado "nunca tivo intención de acabar coa vida da vítima" e que, por ese motivo, solicitaron a súa posta en liberdade. "Todo conduce a pensar nun posible homicidio por imprudencia, non homicidio doloso", sinalou sobre uns feitos que se produciron tras unha pelexa primeiro no interior do local e logo fóra.

Preguntado sobre o motivo da mesma, indicou que o desencadenamento foi "unha bobada". "Iniciouse, parece ser, na barra por unhas consumicións", precisou. Con todo, incidiu en que "o importante" non é a orixe dunha discusión que cualificou como "absurda" senón os feitos en si, "o que durou o enfrontamento".

Do mesmo, asegurou que foi, polos testemuños, "bastante longo" e que se produciu "en tres momentos", un no interior e logo xa os demais no exterior, o último co lanzamento de obxectos. En canto ao estado do seu cliente, afirmou que está "esnaquizado". "Está mal", insistiu, incidindo en que coñecía á vítima e que chegou a falar con ela "antes do enfrontamento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta