Son compatibles as bateas e a economía sustentable?

A produción mexilloeira tería case todo a favor de cara á nova política económica sustentable da Unión Europea. Existe un consenso en afirmar que si é unha actividade que pode entrar dentro dos parámetros de economía circular. Pero aínda non se teñen todos os coñecementos precisos para asegurar que estamos diante dunha actividade segura para o medio ambiente.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A economía arredor das bateas non queda fóra dos cambios que a Unión Europea lle quere dar á produción e xestión dos recursos, incluídos os mariños. Así, existe consenso en que a produción de mexillón entraría nos parámetros de economía circular que pretende a UE. A súa sustentabilidade baseada en plataformas construídas con madeira, a non introdución de elementos como abonos ou antibióticos e que se estea explotando unha especie autóctona, darían suficientes garantías para que esta actividade sexa vista como sustentable. Mais existen puntos que deberan ser estudados máis polo miúdo debido a posibles consecuencias a longo prazo no hábitat mariño.

Arroaces arredor de bateas
Arroaces arredor de bateas | Fonte: BDRI.

CIRCULAR E SUSTENTABLE?

O primeiro que apuntan desde o Consello Regulador do Mexillón de Galicia é que estamos  diante dunha industria natural. O Consello Regulador insiste que dentro das fórmulas de produción de alimentos animais, a do mexillón “é a que posiblemente, menos impacto ten debido a que non se fai uso de insumos alleos ao ecosistema, como poden ser fármacos”, declara Ángeles Longa, do departamento de I+D do Consello Regulador.

Segundo Ángeles Longa, hai estudos que demostran que a produción de bivalvos en medio natural pode ter efectos ambientais beneficiosos, o que se chama servizos ecosistémicos. “Estes documentos demostran que a cría de mexillón en batea aumenta a productividade natural do sistema”.

Xandro García, biólogo mariño, concorda en que a batea é un tipo de explotación sustentable debido a que “é unha granxa dun animal e é renovable porque pode durar no tempo de maneira infinita porque a produción tamén é renovable”. E non só se refire ao feito de cultivar un bivalvo autóctono, senón que a mesma construción das bateas, en madeira tamén permite que sexa un elemento natural e mesmo reciclable.

Polígono de bateas
Polígono de bateas | Fonte: C.R. Mexillón de Galicia.

CONTAMINACIÓN

A esixencia de calidade e mesmo excelencia na produción económica dentro da UE, leva parello o cumprimento dunha serie de medidas ambientais. Unha das grandes preocupacións sobre o medio mariño e a produción ligada a el, é a presenza de microplásticos que entran na cadea alimentaria.

No caso das bateas, aínda que o seu traballo diario implica o uso de materiais plásticos, sobre todo as cordas onde colga o mexillón. “Todas as actividades humanas agora mesmo producen microplásticos” di Ángeles Longa. Sobre se as bateas chegan a producir microplásticos, considera que “todo se pode mellorar, mais segue sendo unha actividade sustentable”.

Non me parece que as bateas sexan orixe de grandes cantidades de microplásticos” di Xandro García, aínda que as cordas das bateas sexan dese material, “mais a orixe da maioría do plástico no mar vén desde terra”.

PEGADA ECOLÓXICA

A pegada ecolóxica das bateas existe desde que apareceron as primeiras explotacións deste tipo. Sobre todo se temos en conta que os polígonos destas construcións ocupan un espazo dentro das rías e lugares onde se instalan. “O caso é que xa non se poden instalar máis bateas nas rías galegas porque están saturadas” apunta García. Esa saturación podería estar afectando aos fondos das rías? “Os prexuízos poden vir do aumento de nitratos no medio mariño, e sobre todo debaixo das bateas, porque quedan acumuladas as feces que emite o mexillón” incide García.

Ángeles Longa, sobre a posibilidade dunha acumulación de restos debaixo das plataformas, apunta que se pode dar o caso “de perdas de cordas con mexillón, mais os mexilloeiros son os primeiros en recollelas porque falamos dunha perda económica”. Non obstante, o depósito de restos, sobre todo as cunchas, non ten un efecto de “residuo”, segundo explica Longa, “o residuo créase en terra, a cuncha é un residuo cando acaba en terra, no mar non”.

Outro punto é se a diversidade da fauna mariña estaría minguando alí onde están os polígonos bateeiros. “É moi arriscado dicir que provoca a desaparición ou desprazamento doutras especies” apunta Xandro García.

Tamén queda por saber se a actual distribución dos polígonos mexilloeiros, podería ser mellorada ou reformada de cara un mellor aproveitamento das rías. Esta é unha cuestión que para as fontes consultadas non é doado de responder. “Nos anos 90  fíxose un esforzo por organizar os  polígonos de bateas por medio da Xunta” di García, quen remarca “non me atrevo a dicir que haxa unha distribución mellor que a existente pois non cambiou nada desde os 90 e iso quere dicir algo”. O que si é certo é que non habería posibilidade de meter máis bateas porque o ecosistema está saturado.

A xeito de conclusión, as produción mexilloeira pode ser descrita como exemplo de economía sustentable segundo as fontes consultadas. Con todo, quedan aspectos que deberan ser estudados en profundidade como a súa pegada ecolóxica, a incidencia da mesma actividade produtiva nas augas e saber con certeza se o sistema mariño está ou non saturado polo acción das bateas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta