O vento segue soprando forte na costa de Lugo e a choiva carga na Coruña e Pontevedra

En Santa Comba e Forcarei caeron máis de 40 litros por metro cadrado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2020 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

O temporal de vento e choiva que afectou este martes e a madrugada deste mércores a Galicia deixou refachos de intensidade máxima de 155,3 quilómetros por hora en Viveiro e 132,1 en Vimianzo. Tamén se saldou con máis de 40 litros por metro cadrado de choiva na localidade coruñesa de Santa Comba e na pontevedresa de Forcarei.

Así consta nos rexistros de Meteogalicia ata as 9,10 horas, recollidos por Europa Press, nos que se reflicte que este adverso meteorolóxico deixou o refacho de vento máximo en Viveiro ás 12,50 horas deste martes, con 155,3 km/h, e as precipitacións máis significativas en Santa Comba, con 41,6 litros por metro cadrado e 40,8 en Val do Dubra.

Mentres, na madrugada deste mércores o refacho máximo de vento correspondeu de novo a Viveiro, con 135,5 quilómetros por hora ás 3,30 horas; seguida do 123 km/h obtidos ás 2,40 horas en Cuntis. Outros rexistros significativos foron o 121,4 km/h en Vimianzo ás 1,30 horas e o 119,4 km/h en Cedeira ás 3,00 horas.

En canto á a zona de montaña o vento alcanzou os 97 quilómetros por hora ás 3,40 horas deste mércores en Cervantes e os 94,4 km/h ás 2,40 horas na Veiga. Na xornada do martes o refacho máximo correspondeu a Cervantes, con 96,8 km/h.

CHOIVA

No que respecta ás precipitacións, durante a madrugada deste mércores, ata as 9,10 horas, as choivas acumularon 40,7 litros por metro cadrado en Forcarei; 31 en Cotobade e 30 l/m2 en Poio, ambas as localidades situadas na mesma provincia pontevedresa, mentres que en Val do Dubra rexistráronse 29,6 litros por metro cadrado.

Na xornada do martes as precipitacións máximas acumuladas corresponderon aos municipios coruñeses de Santa Comba (41,6 l/m2), Val do Dubra (40,8) e Zas (32,6).

Gotas de choiva
Gotas de choiva

FROTA AMARRADA

Parte da frota pesqueira galega permanece este mércores amarrada a porto nunha xornada con aviso laranxa ata o mediodía por ondas superiores ao cinco metros de altura. Así o confirmaron a Europa Press fontes de confrarías e lonxas das tres provincias do litoral galego, que, nalgúns casos, apuntaron unha melloría do tempo na costa.

Na provincia da Coruña permanece amarrada a maioría da frota en portos como o de Corcubión, Cariño, Muxía e Fisterra, mentres que en zonas como Rianxo puideron saír a faenar porque este mércores "non hai moito vento", indicaron.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, debido á ondada, está a frota amarrada en zonas como Baiona e Cangas do Morrazo, mentres que en portos como o de Bueu algunha embarcación saíu a faenar.

E na provincia de Lugo fontes de confrarías e depósitos apuntaron que este mércores saíron faenar en zonas como Burela, Celeiro e Ribadeo, aínda que "hai un pouco de mar".

Segundo os rexistros de aboias de Portos do Estado, recollidos por Europa Press, rexistráronse ondas de 3,28 metros de altura na zona da Coruña e de 4,8 na de Vilano-Sisargas.

AVISOS

Este mércores está activado o aviso laranxa ata as 12,00 horas no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra por ondas superiores aos cinco metros, tras o que pasará a amarelo o resto da xornada por ondas superiores ao catro metros. No litoral da Mariña luguesa o aviso laranxa mantívose ata as 6,00 horas e o resto do día estará en nivel amarelo por ondas superiores aos catro metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta