A Xunta destina catro millóns á promoción de produtos galegos de calidade diferenciada

Os beneficiarios poden ser calquera agrupación que reúna a produtores amparados por un réxime de calidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2020 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Amilentaria (Agacal), destinará catro millóns de euros á promoción de produtos galegos de calidade diferenciada por parte de grupos de produtores no mercado interior.

Segundo explicou o departamento que dirixe José González nun comunicado, o orzamento divídese en 2,4 millóns de euros para a anualidade de 2020 e 1,6 millóns para o 2021 e está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para Galicia 2014-2020.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a resolución, que indica que os beneficiarios poden ser calquera agrupación que reúna a produtores amparados por un réxime de calidade. As actividades subvencionables serán todas aquelas que pretendan dar a coñecer un produto cun selo de calidade diferenciada para fomentar o seu consumo.

A consellería explicou que deberán resaltarse as características ou as vantaxes específicas destes alimentos como a súa calidade, os seus métodos específicos de produción ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade do que se trate.

Entre os gatos obxecto de axuda, recóllese a organización ou a participación en feiras e exposicións, a publicidade nos medios de comunicación ou en puntos de venda e as actividades de relacións públicas, sempre que se cumpran as indicacións establecidas na orde.

Tamén se subvencionarán os estudos de mercado relacionados directamente coas campañas de promoción e o de avaliación do impacto destas accións sobre os consumidores.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica co formulario específico que acompaña esta convocatoria dirixido á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O prazo é dun mes a contar desde o xoves, día seguinte á publicación da orde.

Pan de Cea
Pan de Cea | Fonte: madridtienemiga.wordpress.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta