O alcalde de Pontevedra denuncia un "intencionado abandono" da sanidade

Carga contra os recortes da Xunta e censura "falta de planificación política".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2020 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, denunciou unha deterioración "intencionada" da sanidade pública que, a nivel local, se reflicte na saturación de enfermos que se rexistra no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, ademais dos problemas de listas de espera nas especialidades médicas.

Preguntado polos xornalistas nunha comparecencia de prensa, o rexedor nacionalista sinalou como "un erro" a política de recortes que observa na sanidade pública. "Está a recortarse investimento en equipamentos e material, e estase recortando, sobre todo, en persoal, sanitario e de todo tipo", reprochou ao Goberno galego.

Lores indicou que desde hai anos se detecta un "desfasamento" entre o número de profesionais que se xubilan e o número de estudantes da Facultade de Medicina. Lamenta que "falta planificación política" por parte do PP e que, por este motivo, agora non hai especialistas en pediatría ou anestesistas.

"Na época na que eu entrei en Medicina entramos 1.500, agora están a entrar 300 e algúns son estudantes estranxeiros. Oia, non me saen as contas", queixouse o rexedor, que é médico de profesión. "O persoal sanitario, especialmente os médicos, son cinco anos de carreira e seis de especialidade, 11 anos, non se forma ese persoal da noite para a mañá", insistiu.

RECLAMA INVESTIMENTOS

Fernández Lores alertou que este "intencionado abandono" do sistema sanitario público leva que esa "deterioración" sexa "constante" polo que reclamou os "investimentos pertinentes" neste ámbito. O alcalde pontevedrés insistiu en que se trata dun "problema político, de vontade política de dedicar esforzos económicos, de planificación e formación".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta