A Eurocámara apoia o Pacto Verde Europeo pero pide maior ambición

Os eurodeputados reclamaron que a UE fixe o obxectivo de reducir as súas emisións contaminantes para 2030 nun 55%, e non en "polo menos o 50% e cara ao 55%", como sinala o documento do Executivo comunitario.

Por E.P. | ESTRASBURGO | 15/01/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo apoiou este mércores o Pacto Verde Europeo, a folla de ruta presentada en decembro pola Comisión Europea para conseguir que o bloque reduza ao máximo as súas emisións de CO2 para 2050, pero pediu maior ambición nalgúns aspectos, sobre todo nos obxectivos intermedios ata metade de século.

En concreto, os eurodeputados reclamaron que a UE fixe o obxectivo de reducir as súas emisións contaminantes para 2030 nun 55%, e non en "polo menos o 50% e cara ao 55%", como sinala o documento do Executivo comunitario presidido por Ursula von der Leyen.

A resolución, que saíu adiante con 482 votos a favor, 136 en contra e 95 abstencións, avoga ademais por establecer unha meta intermedia en 2040 "para asegurar que se avanza cara ao obxectivo da neutralidade das emisións en 2050", informou a institución nun comunicado.

Ademais, a Eurocámara remarcou que as normativas que fixen uns obxectivos máis elevados en materia de eficiencia enerxética e enerxía renovables, incluídas metas vinculantes para cada Estado membro, deben estar preparadas antes de xuño de 2021.

Outro dos aspectos do Pacto Verde Europeo que os eurodeputados comparten con Bruxelas é a necesidade de deseñar un "mecanismo de axuste do carbono en fronteira" compatible coas regras da Organización Mundial de Comercio (OMC), co obxectivo de evitar a deslocalización de empresas polas diferenzas na ambición climática de distintas partes do mundo.

O pleno do Parlamento Europeo tamén pediu que o mecanismo para garantir unha transición ecolóxica "xusta" teña o "financiamento adecuado". Precisamente a Comisión Europea detallou este martes que o chamado Fondo Para a Transición Xusta terá un orzamento inicial para o próximos sete anos de 7.500 millóns, cos que se pretenden mobilizar polo menos 100.000 millóns de euros.

O Pacto Verde Europeo recolle unha serie de iniciativas lexislativas que o Executivo comunitario quere presentar ao longo dos próximos meses e anos. O Parlamento Europeo advertiu que fará uso dos seus "poderes lexislativos" para modificar calquera proposta que non cumpra co nivel de ambición desexado polos eurodeputados.

Contaminación nunha estrada chea de coches.
Contaminación nunha estrada chea de coches.

307 MILLÓNS PARA UNHA TRANSICIÓN XUSTA

Pola súa banda, a Comisión Europea previu unha clave de repartición para os 7.500 millóns de euros do fondo para axudar ás rexións na transición ecolóxica que sitúa a España en oitavo lugar como país receptor con 307 millóns asignados, nunha distribución que reserva as maiores partidas para Polonia (2.000 millóns) e Alemaña (877).

Así consta no documento ao que tivo acceso Europa Press e que Bruxelas presentou este mércores aos embaixadores dos Vinte e sete, un día despois de presentar na Eurocámara a súa proposta de dotar de saída con 7.500 millóns de "diñeiro novo" este instrumento de nova creación cuxa capacidade debe ser aínda negociada cos Estados membro.

O chamado Fondo para a Transición Xusta é un dos alicerces do mecanismo co que a Unión Europea quere mobilizar polo menos 100.000 millóns de euros durante o período 2021-2027 para as rexións que terán que facer os maiores sacrificios no plano económico e social para reducir a súa pegada contaminante.

A Unión Europea quere cumprir co desafío de ser o primeiro continente en eliminar as súas emisións de CO2, un obxectivo que queren alcanzar no horizonte de 2050 e que os líderes dos Vinte e sete trataron de selar nun cume en decembro, aínda que non lograron que Polonia asumise o compromiso nacional.

O fondo está aberto a todos os Estados membros porque o Executivo comunitario asume que en todos os países da UE existen rexións vulnerables con "necesidades". Así, segundo adiantou o martes a comisaria de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira, Bruxelas fixou unha clave de repartición que ten en conta criterios obxectivos para calcular o custo da transición para cada rexión.

Deste xeito, e a pesar de que Varsovia non asumiu a súa responsabilidade no reto da neutralidade climática, Polonia tería á súa disposición 2.000 millóns de euros, segundo a proposta comunitaria.

Seguiríalle Alemaña, con 877 millóns de euros; Romanía, con 757 millóns; República Checa, con 581 millóns; Bulgaria, con 458 millóns; Francia, con 402 millóns; Italia, con 364 millóns; e España, con 307 millóns. Pechan a lista coas partidas máis reducidas Malta, con 8 millóns, e Luxemburgo, con 4 millóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta