Cal é a receita de Feijóo para manter viva a Galicia rural?

O presidente galego asegura que a reapertura do paridoiro de Verín pode producirse este mes. "Agora hai máis garderías no rural que nunca, non se pagan impostos, hai máis médicos e cirurxáns e máis escolas abertas que durante o bipartito", destaca. Caballero di que as recitas de Feijóo son "papel mollado".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2020 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

Sempre que haxa obstretas, matronas e pediatras, os paridoiros dos hospitais comarcais seguirán abertos”. Así de contundente se amosou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao referirse aos problemas que a sanidade pública galega está a experimentar na Galicia rural, ou a Galicia baleirada. Uns problemas que se fixeron evidentes co paridoiro do Hospital de Verín.

A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova
A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova | Fonte: Matteo Bertolino

Tal foi a magnitude das protestas tras esta polémica decisión, e xa non só na comarca de Verín, senón en toda a Galicia rural e urbana, que o Executivo de Feijóo viuse na obriga de rectificar. Tras a contración dunha nova xerente para este centro, o seguinte paso é contratar unha pediatra para abrir este servizo. E, segundo avanzou Feijóo, esa reapertura podería darse este mesmo mes.

“Hai contactos xa moi avanzados para a contratación dunha pediatra. Son optimista e ese servizo poderá abrir nas próximas semanas ou a final deste mes”, dixo Feijóo este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Un anuncio que fixo cando un informe do Consello Económico e Social de Galicia ( CES) alerta de que a súa Lei de Impulso Demográfico de Galicia está baleirada de contido e non conta con medidas reais para atallar o problema do despoboamento da Galicia interior.

“Pode vostede comprometerse a que o que pasou en Verín non pase noutro hospital comarcal de Galicia?”, preguntoulle GC en relación ás políticas da Xunta coa Galicia rural que se está despoboando. “É difícil, pero o noso compromiso é ter todos os paridoiros abertos”, destacou.

Porén, ao mesmo tempo, o Grupo Parlamentario Popular volveu votar este xoves na Cámara galega en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba que a Xunta rectificase a súa decisión de "suprimir o paridoiro" e de "desmantelar as urxencias pediátricas" deste centro.

AS OUTRAS POLÍTICAS DO RURAL

En todo caso, o presidente galego insistiu no seu compromiso para evitar o despoboamento e destacou que a lei galega é a primeira que se fixo no Estado e que outras autonomías “queren copiala”. “E iso por algo será”, suliñou ao tempo de dixo que hai destinados 120 millóns de euros para desenvolver unha normativa que, de momento, aínda está sobre o papel.

Con todo, Feijóo volveu sacar peito das súas políticas no rural e dixo que foi a primeira administración do Estado que ofreceu a gratuidade das escolas infantís ao segundo fillo ou a gratuidade total das casas niño en concellos de menos de 5.000 habitantes para calquera fillo. 

Insistiu varias veces só nestas políticas de conciliación pero, para vivir no rural, é necesario, tamén medidas de impulso económico, a creación de postos de traballo, manter a sanidade, e a educación. Algo que os xornalistas tiveron que lembrarlle na rolda de prensa. “Por suposto e, por iso, agora hai máis garderías no rural que nunca, non se pagan impostos, hai máis médicos e cirurxáns e máis escolas abertas que durante o bipartito”, respondeu comparando a súa Galicia, a Galicia que se baleira no rural, coa Galicia que os socialistas e os nacionalistas deixaron hai once anos.

CRÍTICAS DE CABALLERO


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "papel mollado" o anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e considerou necesario "orzamentos e compromisos".

"O propio Consello Económico e Social (CES) acáballe de dicir que a revitalización demográfica non se soluciona con formulacións xenéricas nin con aprobacións de leis", manifestou.  Respecto diso, Gonzalo Caballero sostivo que o que se necesitan son "orzamentos, compromisos, incentivos positivos para a poboación, par a actividade económica...". "Un conxunto de medidas transversais que Feijóo non fixo ao longo de 11 anos e todos os galegos sabemos que o que non fixo en 11 anos vai prometer facelo en cinco meses", censurou.

O dirixente socialista pronunciouse deste xeito nunha visita á Fonsagrada (Lugo), na que denunciado o "abandono do rural" por parte do Goberno do Partido Popular. "Sabemos que Galicia necesita un cambio, é necesario cambiar o abandono do rural que fixo a Xunta e os socialistas galegos estamos comprometidos co rural", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta