A valedora do pobo sinala as "barreiras normativas e prexuízos" que exclúen as persoas con discapacidade

Subliña a "discriminación" coa que conviven estas persoas, sobre todo se a súa discapacidade é cognitiva e son mulleres.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, sinalou as "carencias" que presentan os servizos de Atención á Dependencia en Galicia e que sofren as persoas con discapacidade.

Esta é unha das conclusións que a titular de Valedor do Pobo puxo sobre a mesa ante a comisión especial para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a favor da integración destas persoas, que se celebrou este venres en Santiago.

Na súa intervención, Fernández Galiño destacou varios aspectos "fundamentais" que precisan modificarse para implementar un verdadeiro "modelo social" de inclusión e integración que chegará combatendo as "barreiras" normativas existentes e "os prexuízos sociais" que "exclúen" as persoas con discapacidade "do pleno goce dos dereitos humanos".

Por todo isto, o Valedor do Pobo traballa no ámbito das políticas sociais e asistenciais, a redefinición de determinados conceptos, a accesibilidade das infraestruturas e a educación e o mercado laboral inclusivo.

"MINUSVALORACIÓN" DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A través do apoio de varios informes e o testemuño de casos que chegan á institución, Fernández Galiño evidenciou a "minusvaloración" que sofren as persoas con síndrome de down, con trastorno espectro autista ou cunha discapacidade cognitiva, xa que os "baremos para valorar o grao de discapacidade poñen o acento nos aspectos físicos" e poucas son as veces que se centran nas medidas asistenciais que necesitan este tipo de persoas, que requiren de "máis tempo e recursos".

Esta discriminación é visible nas propias normativas que, por exemplo, ata hai pouco limitaban o dereito ao voto pola discapacidade, ou esixía un informe médico para autorizar ás persoas con discapacidade a casar. Ao mesmo tempo, Fernández Galiño apuntou ao sistema de tutela como outro aspecto a modificar, a favor dun que promova a participación da persoa con discapacidade na toma de decisións.

Ademais, as principais "carencias" de sistema repercuten nos servizos de Atención á Dependencia. "Os tempos de espera para prazas residenciais, axuda no fogar ou acceso a servizos sociosanitarios", a "transición dos servizos de apoio á dependencia" e o tempo de "atraso nas valoracións dos sistemas de dependencia" son algunhas das que saen do informe de 2018 do Observatorio Estatal de Dependencia que, ao mesmo tempo, valora "o esforzo da Comunidade no tres últimos anos".

MULLER CON DISCAPACIDADE

Outro dos aspectos sinalados pola valedora nesta comisión foi a dobre discriminación que sofren as mulleres con discapacidade intelectual. Elas sofren "unha gran porcentaxe de violencia en parella, delitos sexuais e violencia de xénero". Esta é "a treboada perfecta" pola que pasan esas mulleres que en caso de chegar a declarar sobre un caso de malos tratos, moitas veces prevalece "que ten unha discapacidade e non o seu testemuño".

Isto carrexa unha maior "dificultade para facer valer os seus dereitos", así como algo tan esencial para as mulleres que sofren violencia de xénero como o número atención ás vítimas (016), que non está ao alcance de mulleres xordas e que tampouco contan con alternativas.

Ademais, en caso de "discapacidade intelectual", esta dificulta que sexan conscientes "dos malos tratos que sofren" e por iso resulta "tan importante" a concienciación a través de campañas públicas que evidencien todos os signos de forma explícita.

ACCESIBILIDADE E EMPREGO

Por outra banda, a valedora tamén subliñou outros problemas que afectan a persoas con discapacidade física, auditiva ou visual. Para os primeiros as barreiras arquitectónicas supoñen a maior complicación da vida diaria e, a día de hoxe, a accesibilidade non está garantida para eles en todos os concellos.

En canto aos que contan con discapacidade auditiva, a Federación Galega de Persoas Xordas reclamou o seu "dereito a participar na vida política" coa inclusión de intérpretes de signos en todos os debates políticos que se emitan na televisión pública galega.

No ámbito educativo e laboral, a inclusión é unha palabra clave para que as persoas con calquera tipo de discapacidade poidan desenvolverse en "igualdade de oportunidades". Fernández Galiño propuxo medidas que tratan de saír adiante nos institutos como "a adaptación de tempos, os exames especiais ou a cualificación específica dos correctores".

"Respectar as cotas de prazas para persoas con discapacidade nos empregos públicos temporais, como se fai no resto de postos públicos, é unha dos aspectos destacados polo Valedor en canto ás medidas da Xunta, así como tamén reclama "promover a transición de emprego protexido ao ordinario" adaptando os postos de traballo con "equipos e servizos de apoio" que faciliten a "supresión de barreiras" para as persoas con discapacidade.

A valedora do pobo, María Dores Fernández Galiño, na comisión especial para o seguimento das políticas relativas á discapacidade
A valedora do pobo, María Dores Fernández Galiño, na comisión especial para o seguimento das políticas relativas á discapacidade | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta