Por Lois Pérez Leira | Vigo | 07/09/2012
As estreitas relacións do BNG e Esquerda Unida no Parlamento Español e o actual acordo electoral entre ANOVA e EU sinalan claramente que estamos a transitar unha nova etapa da esquerda no noso país.
No caso de ANOVA, o propio Xosé Manuel Beiras provén do Partido Socialista Galego (PSG) quen formaba parte dunha estrutura estatal de partidos afíns, algúns dos cales se unificaron posteriormente co PSOE.
Se ben a precipitación electoral pode xerar algunhas dificultades, o certo foi que as bases de ambas as dúas organizacións e as súas cúpulas dirixentes maioritariamente acordaron dar este paso tan importante.
Por agora, o acordo parece ser soamente electoral aínda que moitas voces consideran que debe consolidarse nunha alternativa política movilizadora das loitas políticas e sociais de Galicia.
Algunhas forzas, inclusive nacionalistas como a FPG, que apostaron firmemente por este acordo, ven máis alá e cren que esta mesma Fronte Popular debería concretarse en todo o Estado.
A realidade é que este acordo potencia o voto da esquerda, xera unha grande ilusión colectiva e instala na sociedade galega unha alternativa de esquerdas e anticapitalista.
Antes de concretarse este acordo as sondaxes sinalaban un bo resultado electoral para a coalición. Cando esta se formalice en poucos días seguramente se multipliquen as súas expectativas electorais, colocando a esta formación e a Xosé Manuel Beiras no centro da política galega.
Sen lugar a dúbidas, a primeira consecuencia deste histórico acordo será a derrota electoral do Partido Popular e a posibilidade de conformar un goberno cun programa de esquerdas, en clave galega.