Como hai que educar á rapazada que naceu na era tecnolóxica?

A Revista Galega de Educación chega ao número 75 cun especial sobre “A nova escola galega”. Ana Parada, unha das súas directoras, apunta algúns desafíos presentes para a comunidade docente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/01/2020 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

A Revista Galega de Educación (RGE) celebra o seu número 75 cun monográfico onde recollen a opinión e visión de diferentes persoas implicadas no mundo da educación en Galicia. Neste especial tamén colaboran persoas con décadas de reflexión e de propostas sobre a educación, en Galicia e noutros lugares do Estado e educadores de Francia ou de Portugal. O obxectivo da publicación é ter unha visión compartida sobre cara onde avanza o ensino en Galicia actualmente.

Centro escolar.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Centro escolar.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo

Entre os temas que aborda este número, están a infancia e adolescencia a día de hoxe, como inflúen os novos medios dixitais e como adaptalos á formación e tamén os instrumentos políticos que precisan porse en marcha para a mellora educativa. Doutra banda, cales son os retos que se lle presenta por diante á comunidade educativa, ademais das experiencias innovadoras que foron aparecendo nos últimos anos.

Ana Parada, co-directora da revista xunto con Uxía Bolaño, apunta algúns desafíos presentes para a comunidade docente. “A ratio de alumnos por aula, se é elevaba vai en detrimento da resposta educativa, atención á diversidade e a xestión das relacións entre alumnado e a convivencia escolar”.   Ana Parada sobre o alumnado di que “vivimos unha xeración onde as familias están moi formadas, unha xeración nacida coas novas tecnoloxías e acceso á información mellor que nós e está afeita á instantaneidade”. A isto engade que o alumnado está mudando hábitos de maneira moi rápida que o sistema educativo non é capaz de absorver tan rapidamente.

A RGE comezou a editarse en 1986 de maneira trimestral, promovida por Nova Escola Galega. A finais do 2005 inicia a súa segunda etapa, de periodicidade cuadrimestral. Defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e en xeral á comunidade educativa en Galicia. Tamén quere contribuír a articular e a ofrecer instrumentos de expresión e comunicación escrita aos sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta