Galicia contará con 41 farmacias novas, a metade delas adxudicadas a concellos do rural

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2020 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade adxudicou este sábado 41 novas oficinas de farmacia, das cales 20 poderán abrir en concellos de ámbito rural, 14 en zonas semiurbanas e sete en zonas urbanas con crecemento poboacional.

Diso informou a Xunta nun comunicado, no cal explicou que esta adxudicación se realizou nun acto único con 604 persoas convocadas para o concurso público.

Os adxudicatarios provisionais das oficinas de farmacia terán 10 días de prazo desde a publicación da lista no Diario Oficial de Galicia para facer fronte a un depósito de 3.000 euros. En caso de non facelo, quedarían excluídas do proceso.

O Goberno galego explicou que unha vez resolto o concurso, os adxudicatarios terán dous meses para designar o local no que instalarán a farmacia.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou que neste concurso "fortaleceuse" a carreira profesional relacionada coa farmacia comunitaria, pois 32 dos primeiros 41 postos exercen como farmacéuticos adxuntos. Así, a experiencia profesional foi o criterio de maior peso a efectos de valoración.

Por último, o conselleiro subliñou que con este acto culminaron un proceso "complexo" que comezou en xullo de 2018, pero que "a pesar de todo, é un tempo moi inferior ao empregado nos concursos doutras comunidades autónomas".

A Consellería de Sanidade adxudica 41 novas oficinas de farmacia. Xunta de Galicia
A Consellería de Sanidade adxudica 41 novas oficinas de farmacia. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta