Feijóo pecha o seu mandato coa actividade lexislativa máis baixa dos últimos 20 anos

A Xunta xustifica a "dilación" pola procura de diálogo, así como polas distintas eleccións e a "inestabilidade" do Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2020 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O terceiro mandato de Alberto Núñez Feijóo achégase ao seu fin cun dos ritmos lexislativos máis baixos desde que botou a andar o autogoberno en Galicia, só equiparable á da V Lexislatura (1998-2001). E é que a media anual ás portas das eleccións galegas é de sete leis fronte ás 12 ou 13 habituais. Unha media que determina, sobre todo, a acentuada caída de 2018, con só tres textos.

A Xunta, pola súa banda, xustifica a "dilación" pola procura de diálogo, así como polas distintas eleccións e a "inestabilidade" do Goberno central. En concreto, en 2018 só viron a luz na Comunidade a lei de orzamentos e a de medidas fiscais e administrativas que a acompaña, así como unha reforma da lei de saúde. En 2019 houbo un repunte, chamado a consolidarse en 2020 en vista da cantidade de normas en proxecto, pero o baixón previo deixa a media en sete leis anuais.

En total, sumando o dez de 2017, o balance de leis aprobadas neste último mandato (entre 2017 e 2019) sitúase en 22. Habería que remontarse 20 anos atrás (á V Lexislatura, 1998-2001) para achar un período cun número de leis tan baixo como o do actual mandato a falta de menos de nove meses para que se disolva o Parlamento.

E é que a análise da listaxe de leis aprobadas en todos os mandatos da autonomía galega --desde 1982--, realizado por Europa Press, constata que nesta V Lexislatura, entre 1998 e 2000, aprobáronse 21 leis, reflectindo tamén unha media anual de sete textos a falta dun ano para fin de mandato.

Ademais, o baixón do ano 2018 só ten como antecedentes outros dous exercicios: 1982, no arranque da I Lexislatura, cando se aprobaron só a lei de orzamentos e a norma que fixaba a sede das institucións en Galicia; e 1990, cando viron a luz dous textos: o de orzamentos e outro sobre a concesión dunha paga persoal ao servizo da Xunta e dun crédito extraordinario.

LEXISLACIÓN MARCADA POLO CONTEXTO

O descenso do ritmo lexislativo en Galicia provoca as críticas da oposición, que o usa como argumento a favor da súa tese de que o proxecto político de Feijóo está "esgotado", pese ao repunte de normas da recta final do seu mandato.

Iso si, sería necesario aprobar polo menos 11 normas antes de que se disolva a Cámara (o que ocorrerá no verán para que as eleccións se celebren no outono, salvo que Feijóo decida adiantar, o que podería precipitar os acontecementos) para evitar que esta X Lexislatura peche coa menor produción de leis da autonomía galega. Ata agora é a V Lexislatura, cando se aprobaron un total de 33, a que encabeza o listón de menor ritmo lexislativo da historia autonómica.

En canto aos mandatos de Feijóo, no primeiro (VIII Lexislatura, 2009-2012) viron a luz un total de 51 leis e no segundo (IX Lexislatura, ata 2016), 55. Como é habitual, a lexislación avanzou da man do contexto político e social. Por exemplo, pechou 2009 coa aprobación dunha nova lei de caixas, que foi modificada en setembro do ano seguinte para facilitar fusión de Caixanova e Caixa Galicia.

DIÁLOGO E "INESTABILIDADE" ESTATAL

O Goberno galego está "satisfeito" co ritmo lexislativo, segundo trasladou a Europa Press a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, antes de incidir en que o ano pasado retomáronse varios proxectos pendentes e iniciáronse outros novos. Destacou o balance de pechar 2019 con nove leis aprobadas.

Sobre o parón de 2018, xustificou que a "dilación" na produción de leis obedeceu a diversos factores, entre eles á "procura de consensos e ao diálogo" con sectores afectados ao tratarse de normas de "alcance".

Pero tamén, aínda reivindicando Feijóo a diario que a súa maioría absoluta blinda a "estabilidade" na Comunidade en áreas, precisamente, como a lexislativa, a directora xeral incidiu en que "é innegable a influencia da celebración de diversos procesos electorais e a inestabilidade do Goberno central". En 2018, o popular Mariano Rajoy gobernou España ata a moción de censura que, a principios de xuño, permitiu ao socialista Pedro Sánchez entrar na Moncloa.

Para García-Señoráns, ademais, "a falta dun Goberno e dun interlocutor válido provocou un innegable atraso en moitas tramitacións, tanto a nivel de investimentos como en tramitación lexislativa".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa entrevista para Europa Press na delegación da Xunta de Ourense /Galicia (España).. ROSA VEIGA /EUROPA PRESS
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa entrevista para Europa Press na delegación da Xunta de Ourense /Galicia (España).. ROSA VEIGA /EUROPA PRESS

Bandeira de España proxectada sobre o edificio principal do edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta. XUNTA
Bandeira de España proxectada sobre o edificio principal do edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Alienao

Qué actividade lexislativa vai haber na "casa dos mortos" ou "parlamentiño da colonia"?

1 Sentidiñ@

Un gran argumento a favor de Feijoo. España es el país europeo donde más se legisla, y las comunidades son las peores en esa manía. Leyes que son copias cutres unas de otras y que no sirven para nada, porque todos sabemos que la empresa que más incumple es la Xunta, las diputaciones y los concellos. Para eso mejor no promulgarlas y ahorrar problemas a quienes deberían aplicarlas