Traballan coa hipótese do "suicidio e asasinato" na morte da nai e o fillo tetrapléxico de Ourense

Os investigadores din que hai "indicios bastante razoables". Os servizos sociais din que vivían na "marxinalidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2020 | Actualizada ás 10:02

Comparte esta noticia

A Policía Nacional está á espera do resultado de probas fisiolóxicas e do que decida o xulgado para esclarecer se unha muller matou o seu fillo tetrapléxico en Ourense e suicidouse.

Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa
Ambulancia do 061 co nome de Ambuibérica nunha imaxe do twitter da propia empresa

Así o sinalaron fontes policiais, que explicaron que os investigadores barallan o "suicidio e asasinato/homicidio" como hipótese nestas dúas mortes ocorridas a semana pasada, baseada en "indicios bastante razoables".

Por iso, o sucedido segue en investigación despois de ser remitido o atestado policial ao xulgado que leva a causa, á espera dos resultados de probas e de que o xulgado confirme a causa das mortes.

FEITOS

En concreto, investígase se a muller matou ao fillo tetrapléxico con metadona nunha residencia en Ourense e despois suicidouse. Nas pescudas traballa a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV).

A residencia de maiores na que se atopaba o home está situada no barrio ourensán de Barrocás. A muller faleceu o pasado luns, mentres que a morte do seu fillo produciuse o martes.

SERVIZOS SOCIAIS

A muller e o seu fillo pasaran "moitas veces" polos "Servizos Sociais" debido á "situación de marxinalidade" na que vivían.

Así o aseguraron fontes de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, que sinalaron que se trataba de dúas persoas "dabondo coñecidas" deste departamento, tanto pola "situación de marxinalidade na que vivían" e porque ao longo da súa vida "pasaron moitas veces polos servizos sociais".

As mesmas fontes municipais confirmaron que na actualidade esta familia non percibía "ningún tipo de axuda económica". En concreto, a nai cobraba unha pensión non contributiva e "non cumprían cos criterios e cos baremos para recibir axudas municipais", aseguraron por parte do Concello de Ourense.

O que se lle abonou por parte da Consellería de Política Social, aseguraron as mesmas fontes municipais, e "por solicitude do outro fillo", foi o enterro da nai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta