O Concello de Santiago di que xa ten probas da titularidade das esculturas do Pórtico que acabaron na casa de Franco

Estuda presentar un recurso extraordinario para "volver atrás" o proceso das estatuas do Mestre Mateo.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 20/01/2020 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago estuda presentar un recurso extraordinario de revisión ante o Tribunal Supremo para "volver atrás" o proceso sobre a propiedade das estatuas do Pórtico da Gloria, obras do Mestre Mateo --Isaac e Abraham--, despois de que a Audiencia Provincial de Madrid dese a razón á familia Franco.

Segundo explicou este luns en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o Concello presentou recurso de casación ante o Supremo por esta sentenza, dado que tiña de prazo ata o día 23, pero sopesa substituír este recurso por un extraordinario --para o que ten tres meses de prazo-- por infracción procesual ao atoparse nova documentación que "non puido ser achegada nos procedementos anteriores".

O alcalde explica que presentar un recurso de casación e outro extraordinario é "incompatible", polo que para o extraordinario sería necesario "retirar" o de casación.

Deste xeito, estudarase se se aposta polo extraordinario co fin de retrotraer o proceso, posto que estes datos saídos de arquivos privados e públicos "proban, sen ningún xénero de dúbidas, que as esculturas foron adquiridas polo Concello de Santiago". Así, estiveron na Corporación "ata 1954 ou 1955", e "en 1955 aparecen en Meirás sen que exista ningún procedemento coñecido ou documentado polo que acaban cambiando dun sitio para outro".

"Entendemos, á luz dos datos que estamos a recibir, que o Tribunal Supremo ten que ordenar a revisión deste procedemento", asegura, ao haber "información nova". "Non temos ningún xénero de dúbidas de que aquí se produciu unha apropiación indebida dun ben patrimonial público e un posterior blanqueamiento desa apropiación indebida", sostén.

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta