Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 12:46
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu a luz este martes 21 de xaneiro á súa primeira filla, que leva por nome Icía. "Sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor", expresou a través da súa conta de Twitter.
A líder frontista ingresara nas primeiras horas deste martes no Hospital Clínico de Santiago de Compostela para traer ao mundo a unha nena. Horas máis tarde, Pontón anunciou o nacemento a través dunha mensaxe na rede social no que achegou unha foto da man da pequena.
"Naceu Icía e sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor. Tela á miña beira, tan pequena e con toda a vida por diante, dáme máis forza para converter en realidade os nosos desexos", manifesta a portavoz nacional do BNG nunha emotiva mensaxe en Twitter no que tamén pide "un mundo máis xusto" para os nenos e nenas.
Seguidamente, a través doutro tuit, agradeceu "o bo saber, facer e a profesionalidade" da sanidade pública galega e de "todas e cada unha das persoas" que a atenderon a ela e a Icía durante o parto. "Grazas por facer deste un momento tan inesquecible #InmensamenteFeliz", conclúe.
Precisamente, o nacemento da súa primeira filla produciuse tan só dous días despois do multitudinario acto da súa presentación oficial como candidata á Xunta polo BNG para as eleccións, previstas salvo adianto para o próximo outono.
Naceu Icía e sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor. Tela á miña beira, tan pequena e con toda a vida por diante, dáme máis forza para converter en realidade os nosos desexos. Por Icía e por todas as crianzas, que merecen un mundo máis xusto! pic.twitter.com/zMlOPFx7uJ
— Ana Pontón (@anaponton) January 21, 2020
Quero agradecer o bo saber, facer e a profesionalidade da Sanidade Pública Galega, de todas e cada unha das persoas que nos atenderon, a min e a Icía, durante o parto. Grazas por facer deste un momento tan inesquecíbel #InmensamenteFeliz.
— Ana Pontón (@anaponton) January 21, 2020
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.