Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 19:27
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, reuniuse este martes con representantes da Federación Galega de Panadarías (Fegapan) co obxectivo de avanzar na redacción do regulamento e a constitución do consello regulador da recentemente aprobada IGP Pan Galego.
Segundo explicou a Xunta, trátase da primeira reunión que mantén a Consellería do Medio Rural cos axentes implicados para pór en marcha a Indicación Xeográfica Protexida que foi rexistrada polo Diario Oficial da Unión Europea o pasado 20 de decembro.
Fegapan, a agrupación que promoveu o recoñecemento do IGP Pan Galego, converteuse así na primeira entidade en analizar o borrador do regulamento que elaborou a Consellería. O director de Agacal e os representantes das panadarías tradicionais tamén examinaron a posible composición do consello regulador provisional no que, ademais dos panadeiros, deben estar presentes os produtores de trigo e os muíños de fariña.
Tras a reunión deste martes, Medio Rural manterá contactos con outras asociacións de panadeiros, agricultores e produtores de fariña para poder pechar en breve un borrador da orde pola que se aprobará o regulamento do IGP Pan Galego e o seu consello regulador, así como o nomeamento dun consello provisional.
Unha vez se publique a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) procederase á apertura dos diferentes rexistros que englobarán os produtores de trigo, os muíños e as panadarías. O obxectivo é que neste mesmo ano 2020 se poida atopar no mercado produto identificado co logotipo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.