Culturactiva levará aos teatros “Rosalía”, a primeira obra sobre a infancia da poeta galega

A montaxe está pensada para o público infantil e recrea a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/01/2020 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Unha Rosalía de Castro nena, fantasiosa e rebelde, gusta de xogar coas palabras mentres pasa a súa infancia en Padrón. De súpeto, un dos momentos máis decisivos da súa vida está a piques de caer sobre a súa neneza, deixar a casa de Padrón para mudarse a Santiago. Os máis pequenos poderán vivir en primeira persoa como foron os momentos previos en Rosalía antes do cambio.  A montaxe  “Rosalía” estrearase en febreiro e estará protagonizada por Cristina Collazo e Rocío González e dirixida por Fina Calleja.

Cartel de 'Rosalía' de Culturactiva.
Cartel de 'Rosalía' de Culturactiva.

Coas maletas e os baúles xa preparados, Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago. É un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Este é o punto de inicio de “Rosalía”, a primeira obra de teatro que ten como protagonista a infancia da principal poeta galega. 

A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde a súa explicación adulta.

A obra xuntará poesía, música e a creatividade dunha nena que será unha das grandes escritoras universais. Todo isto para achegarse á infancia de Rosalía mediante xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre nove e doce anos poden sentirse identificados.

Este proxecto de Culturactiva conta cunha equipa de traballo completamente feminina. O texto da escritora e actriz Nate Borrajo nace do coñecemento de Rosalía de Castro como autora. A directora da obra, Fina Calleja, ten dirixido producións fundamentais da compañía ourensá para público novo. O elenco está formado por Cristina Collazo, que asumirá o papel de Rosalía nena e de Rocío González, que asumirá dous papeis, un como amiga de xogos da protagonista e outro como a súa principal coidadoras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta