A guerra sucia dos partidos galegos na Rede

A vitoria depende duns miles de votos e hai menos diñeiro para propaganda. GC desvela algúns dos trucos máis ou menos honestos para desgastar a imaxe dos rivais nesta campaña.

Por Walter Burns | O Irixo | 10/09/2012 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Alberto Nuñez Feijóo prometeu cando era o candidato Feijo09 acabar co paro en 45 días. A maioría dos lectores do GC  tardarán décimas de segundo en cualificar de certa esta frase. Ao fin ao acabo lérona ducias de veces durante esta lexislatura. Mesmo a oposición botoullo en cara ao presidente na Xunta varias veces no Parlamento!

Foto de perfil dunha das parodias de Beiras no Twitter
Foto de perfil dunha das parodias de Beiras no Twitter

As comiñas dos 45 días

Agora tenten atopar a cita textual nalgunha crónica dun mitin do líder conservador en 2009. Ou no seu programa. Ou nalgunha entrevista daquela ...

Non se esforcen moito, pois fracasarán. Como fracasou a semana pasada un traballador dun partido da oposición. Andaba a buscar estes días o 'corte' para incluílo nun Youtube 'anti-Feijóo' para lanzar esta campaña. Tras indagar horas, tivo que admitir que os famosos 45 días era unha lenda alimentada na Internet.

Sirva esta anécdota de exemplo de dúas cousas. A primeira, o poder da Rede para converter un rumor en realidade política. A segunda, a explotación do 'lado oscuro' do ciberespazo que fan a maioría dos partidos galegos nesta precampaña.

Foto do perfil da parodia de Feijóo no Twitter
Foto do perfil da parodia de Feijóo no Twitter

Os powerpoints do PPdeG

Esta guerra suxa ten certa tradición na política galega. En 2009 aos correos electrónicos das  redaccións chegaban a diario Powerpoints sobre 'villa PSOE' e outras presuntas corruptelas da "malgastadora" era Touriño. Mirando o campo de propiedades do arquivo, podíase comprobar que o Powerpoint fixérase no ordenador dun coñecido xornalista, xa daquela membro do equipo de comunicación de Feijóo e hoxe premiado como un dos membros do Consello da Administración dunha importante empresa pública.

Estamos en 2012 e os powerpoints están máis anticuados que os zapatos de punta quilomética. Hoxe Twitter e outras redes sociais dominan construcción da opinión pública.

Quen está detrás dos twitters parodia?

Nos últimos meses inzan os perfís paródicos de políticos galegos. Unha 'plaga' que sofren sobre todo os persoeiros do galeguismo.

Un dos últimos é X.M. Beiras Tostado, 'alterego' do líder de Anova Irmandade Nacionalista. Como era de agardar, hai moita retranca en contra do pacto irmandiño con Esquerda Unida. O catedrático de Económicas é un dos poucos políticos coa 'honra' de inspirar dúas parodias, pois hai outro BeirrasIrritado.

Tamén apandan co seu Rafael Cuíña, dirixente de Compromiso por Galicia, e a súa sombra RajaCuinha ou o xa clásico, por pioneiro, PacoUPG, parodia de Francisco Rodríguez, ex-líder e principal referente ideolóxico da Unión do Pobo Galego, o partido máis numeroso dentro do Bloque.

Máis novos son aínda Pachi Enfurecido (alterego de Manuel Vázquez, candidato do PSdeG) e Feijóo Enfurecido (parodia do máximo mandatario galego). Detrás de todas estas parodias están rivais políticos dos persoeiros parodiados e, nalgún caso, traballadores doutros partidos.

Outra vía para crear opinión valéndose do anonimato da rede son os comentarios nos xornais electrónicos. O propio presidente da Xunta animou nunha reunión a xefes de prensa do Goberno e a cargos do PP a atallar a avalancha de críticas que sofren os 'populares' ante os recortes. "Estanos a derrotar totalmente na Internet", laiouse.

Feijóo e os comentarios nos diarios electrónicos

Ao día seguinte, en GC, cuarto diario electrónico con máis audiencia, comezaban a aparecer comentarios con enlaces ás hemerotecas de La Voz e El Correo, lembrando os supostos malgastos do bipartito.

Unha variedade máis elaborada deste truco consiste en entrar nos "chats" das emisoras de radio, tentando que as súas opinións se colen entren as seleccionadas para ser lidas en antena. GC coñece polo menos un caso dun traballador dun partido que fixo iso en Hora 25 da Cadena Ser. Logo foi contratado como persoal de gabinete da Xunta bipartita.

E é que na campaña, como no amor e na guerra, todo vale. Máis cando non hai tantos cartos para propaganda como 2009. Permanezan, pois, atentos as súas pantallas; pero fágano sempre preguntándose quen se agocha neste xogo de máscaras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 64 comentarios

4 suber

Moi interesante. Pedin a Andamollo hai uns días que puxera unha ligazón ao video ou texto no que Feijoo dixera o dos 45 días, e non puido. Hai que desconfiar do fácil, e pensar que todo ese rollo que se inventan mais ou menos frívolo ou inxenioso de marchosos, Alternativa Española, Aboba, so agacha falla de argumentos.

1 suber

Outro exemplo de propaganda. No Praza un nacho ofrece unha ligazón a un video e di del: "Feij009 cando se comprometeu a levantar o veto ao sector naval no mitín de Ferrol na Campaña autonómica do 2009-". Se imos ao vídeo, resulta que Feijoo non di nada de comprometerse. Outro nacho faille saber ao propagandista que non di a verdade, e o outro, lonxe de recoñecer que engana, bota lume. Vede: http://praza.com/economia/1928/a-xu...

3 límico

Lembrome que dixo que remataba co paro en 45 dias en mais dunha ocasión, mais non sabería dicir a cita. Si me lembro perfectamente que na cadea SER prometeu rematar coas listas de espera na sanidade en 60 días.

1 Tolín

Si, home, si. Todos sabedes que o dixo pero ninguén di cando nin onde. Mostrade unha proba. Non existe, porque nunca o dixo. Manipuladores!

2 Tolín

Son as grandes mentiras da Historia.Feijoo nunca dixo que iba acabar co paro en 45. Foi un invento de Antón Losada. Fraga nunca dixo "la calle es mía", Foi un invento de Vázquez Montalbán. Pero non é estrano que os galegos non creamos isto. Gayoso e Méndez tamén enganaron a 50.000 galegos co das preferentes ¿non si?

1 Xosé Currás

O dos 45 días está, se mal non lembro, no discurso de investidura. Nunca negou que dixera iso, pero como a xentiña non lembra cando, non pode aportar probas. No famoso discurso hai de todo: dende centros de día a eito, até a defesa da identidade... bla, bla, bla.

1 W.B.

Ola Xosé. Estou a ler o discurso de investidura e non aparece a cita por ningures. Igual me podes corrixir, pero tamén é raro que, xa coa presidencia asegurada, lanzara tal promesa. Grazas pola lectura!