Absolto un home de agresión sexual e de exhibir material pornográfico a dúas menores

A sentenza non considera "acreditados" os feitos polos que é acusado.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 22/01/2020 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolveu un home dos delitos de abuso sexual, agresión sexual, exhibicionismo e provocación sexual a menores, segundo a sentenza emitida por este tribunal e á que tido acceso Europa Press.

O fallo apoia a petición de absolución da defensa, exercida polo penalista Rubén Veiga e desestima as condenas que solicitaban tanto a Fiscalía como a acusación particular, con penas que sumaban 19 anos, nun caso, e 19 anos e 10 meses de prisión, noutro.

A sentenza non considera "acreditados" os feitos polos que foi acusado e que, segundo a denuncia --presentada en 2014 pola nai das entón menores-- producíronse nunha vivenda do municipio de Oza-Cesuras tras iniciar o home unha relación coa irmá da denunciante.

A sentenza considera que non consta "acreditado" que "aproveitando" a estancia das menores na vivenda, durante algúns períodos de tempo, se cometeran os feitos que se lle imputaban. Entre outras cuestións, o fallo apela á "falta de concreción nos feitos relatados".

"Non existen corroboracións periféricas consistentes do relato do sucedido", sinala en relación á versión dada por uns feitos que as denunciantes situaban no verán do ano 2005 ou 2006. No caso dunha das menores, a Audiencia da Coruña non ve "acreditado" que o acusado lle realizase "tocamentos de natureza sexual, nin que tentase penetrala vaxinalmente".

No caso da outra irmá, sostén que tampouco "consta suficientemente acreditado que, durante o ano 2013" o home lle mostrara "nun computador, e de maneira intencionada, películas e material de contido pornográfico".

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta