Endesa aprobará un plan de prexubilacións voluntarias e di que non haberá despedimentos ata 2023

Suporá o pago de entre o 60% e o 80% do salario.

Por Europa Press / Redacción | As Pontes | 22/01/2020 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

Endesa aprobará, de forma paralela á próxima firma do convenio colectivo, un plan de prexubilacións voluntarias para o persoal de polo menos 50 anos, o cal teña 25 anos cotizados como mínimo.

Este plan, que para a súa aplicación individual require a aceptación conxunta da empresa e do traballador, supón o pago de entre o 60% e o 80% do salario en función do tempo que falte ao traballador para alcanzar a súa idade de xubilación. En calquera caso, os cinco últimos anos sempre serán ao 80%.

Ademais, fixa que o convenio colectivo terá unha duración de seis anos, desde 2018 a 2023. Durante este período mantense o acordo de garantías, o que significa que, en pleno proceso de transformación da compañía, non se producirá ningún despedimento por motivos organizativos.

Este último aspecto é especialmente importante nun momento no que as empresas eléctricas están inmersas nun proceso de transición e reorganización industrial cara a unha economía descarbonizada. En concreto, a compañía solicitou o peche da planta de carbón das Pontes (A Coruña), máis aló de que poida manter o seu funcionamento se as probas co uso de biocombustibles son favorables. No anuncio de peche, a empresa xa se comprometeu a manter o emprego do persoal durante o proceso de desmantelamento, que pode durar anos.

De tal forma, a ampliación do acordo de garantías está en total consonancia co modelo de transición xusta auspiciado no Cume do Clima. Así mesmo, a compañía adquire un compromiso de creación de emprego que ascende a 1.000 incorporacións durante a vixencia do convenio e establece a xubilación obrigatoria unha vez cumpridos os requisitos para o acceso á xubilación ordinaria.

MELLORA NAS CONDICIÓNS DO PERSOAL

En relación ao persoal en activo, un laudo arbitral recoñece un esquema de incremento salarial que supón, a partir do ano 2020, unha mellora da retribución anual de máis de 4.000 euros (en termos porcentuais máis dun 9% de media).

No que se refire ao incremento fixo, será do 1% por cada ano de vixencia do convenio. Ademais, recóllese unha actualización de táboas salariais por encima do incremento fixo, cun incremento das táboas salariais co 1,5% por cada ano de vixencia do convenio.

Protesta de traballadores nas Pontes (A Coruña)
Protesta de traballadores nas Pontes (A Coruña) | Fonte: Europa Press

LAUDO

O persoal pasivo de Endesa terá dereito a recuperar un consumo bonificado pola empresa de ata 9.000 quilowatts hora (Kwh) distribuído en dous tramos, 6.000 KWh compensados ao 100% e 3.000 KWh adicionais recoñecidos ao 50% do prezo establecido para a retribución en especie (APV), segundo o laudo arbitral ditado polo exministro de Traballo Manuel Pimentel, que fora elixido como árbitro para dar unha solución ás negociacións sobre o convenio colectivo da enerxética tras 26 meses sen acordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta