Común da Esquerda pide o apoio do Parlamento para condonar a débeda do Porto da Coruña

A PNL pide tamén a creación dun consorcio público para a xestión dos peiraos interiores da Coruña e o financiamento da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/01/2020 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O Grupo Común da Esquerda presentará no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei (PNL) para conseguir o apoio da Cámara para reclamar a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, tal e como se fixo en Valencia.

Os deputados Xan Xove e Antón Sánchez compareceron este xoves ante os medios de comunicación xunto a María García, portavoz municipal da Marea Atlántica, e ao concelleiro Xiao Varela para presentar esta iniciativa que se debaterá proximamente no Hórreo.

María Garcia explicou que "o momento de condonar a débeda é agora" e lembrou que o Goberno central xa o aceptou no caso do Porto de Valencia, derivada de eventos como a Fórmula 1 e a Copa América.

Pola súa banda, o deputado Xan Xove lembrou que o Parlamento xa alcanzou un acordo similar, en setembro de 2018 e con apoio unánime, do mesmo xeito que o Concello e a Deputación, pero que estas peticións foron "ignoradas polo Goberno".

Agora, di, coa entrada do novo Executivo de coalición entre PSOE e Unidas Podemos, "é o momento de recoller unha vez máis a demanda da cidadanía". A PNL reclama tamén a creación dun consorcio público para a xestión dos peiraos interiores da Coruña e o financiamento da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira.

Porto Exterior da Coruña. AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA - Arquivo
Porto Exterior da Coruña. AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta