Temas: FEIJóO AVE

Feijóo ve "unha desvergoña" ligar os atrasos do AVE con "atrancos" en contratos que "xa eran coñecidos"

Ironiza con que espera "non ter que ir á reunión do PSdeG" na que estará Ábalos para "decatarse" de como están as infraestruturas galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tachou este xoves de "desvergoña e tomadura de pelo" que se poidan vincular os atrasos do AVE a Galicia cos "atrancos" en contratos de obras que levaron a cabo entre 2014 e 2017 —nos que o Tribunal de Contas detectou irregularidades— que "xa eran coñecidos".

Feijóo, tras o Consello da Xunta
Feijóo, tras o Consello da Xunta | Fonte: Europa Press

"Ese asunto é coñecido, foi recoñecido e feito público por Íñigo de la Serna (exministro de Fomento co PP) e eu mesmo. Eses atrancos do AVE a Galicia foron diagnosticados", relatou Feijóo, que non entrou a valorar as irregularidades detectadas por Contas.

Preguntado por este asunto, Feijóo levou a súa resposta ao terreo dos prazos e asegurou que o primeiro Goberno de Pedro Sánchez "asumiu" os efectos da paralización ou modificacións nestes contratos, co actual ministro de Transportes, José Luís Ábalos á fronte.

"A finalización en 2019 é unha data asumida por Ábalos. Eu nunca dixen unha data que non pactase previamente cun ministro", defendeu Feijóo, quen tamén se remitiu á xustificación dada pola popular Ana Pastor, predecesora de De la Serna á fronte de Fomento.

"As palabras da exministra Pastor son claras, dixo que cando chegou ao Ministerio atopouse con recortes orzamentarios aprobados polo Goberno de Zapatero que levaron a rescisión de certos contratos", remarcou o presidente, quen, tras insistir en que el sempre deu datas acordadas con ministros, engadiu: "entre ministros andará o xogo".

"SE TRAS O IVE VÉN O AVE, TÓMANNOS POR PARVOS"

Dito isto, reafirmouse en que lle parece "unha desvergoña" pór agora o foco nestes contratos como fórmula para xustificar un novo atraso da alta velocidade galega.

"Se despois do IVE vén o AVE tamén, creo que nos están tomando por parvos de forma continuada e constante. Pido un pouco de respecto", espetou.

Así mesmo, reafirmouse en que o feito de que o AVE a Galicia poida non estar operativo para o ano 2021, próximo Xacobeo, suporá "un atranco" e non é unha cuestión "menor" senón de "enorme impacto".

IR Á REUNIÓN DO PSDEG

Do mesmo xeito, volveu queixarse de falta de información por parte do Goberno central e aludiu á presenza en Galicia do ministro Ábalos, co que espera coincidir e poder falar na entrega do Premio Nacional de Arquitectura a Manuel Gallego Jorreto, que se celebra na Coruña este venres.

Feijóo incidiu que a axenda do ministro non contempla máis citas en Galicia que esta e unha reunión coa dirección do PSdeG, polo que non está previsto un encontro formal con el para abordar a situación do AVE e doutras infraestruturas da Comunidade.

"Espero que non teña que ir eu á reunión orgánica do PSdeG para decatarme de como van as infraestruturas en Galicia", ironizou.

SEN RESPOSTA ÁS CARTAS

Feijóo tamén recoñeceu que ningún ministro contestou as cartas que lles enviou para lembrar as prioridades políticas que fixa a 'Axenda galega' que o seu Goberno fixo pública ás portas das pasadas eleccións xerais.

De feito, concretou que só puido falar con dúas ministras, a de Política Territorial, Carolina Darias, e a titular da carteira de Traballo, a galega Yolanda Díaz.

A Díaz, explicou, felicitouna polo seu ministerio, posto que foran compañeiros no Parlamento. De Darias sinalou que lle chamou e el aproveitou para "advertirlle do problema do IVE".

Temas: FEIJóO AVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta