Que hai de verdade e que hai de mentira nos anuncios da suba dos salarios a funcionarios

Traballadores dos PAC critican duramente o anuncio de Feijóo de que ía “case quintuplicar” o importe das horas extras de enfermeiros e médicas deste servizo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/01/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Xunta e Goberno central abriron as hostilidades sobre as subas dos soldos a funcionarios. En Galicia o 2020 é ano electoral e, por iso, Feijóo aproveita os Consellos da Xunta para dar anuncios que a oposición cualifica abertamente de “electorais” e que algúns funcionarios cualifican, directamente, de “mentira”, “falsidade” ou “verdade a medias”.

Protesta de persoal sanitario na PAC de Galicia. PACS EN PÉ DE GUERRA - Arquivo
Protesta de persoal sanitario na PAC de Galicia. PACS EN PÉ DE GUERRA - Arquivo

Así, hai uns día, na rolda de prensa posterior a un destas reunións co seu gabinete anunciaba que “ía facer efectivo de inmediato todo aquel incremento retributivo que non necesite cobertura estatal" --en referencia á alza do 2% pactada e pendente para todos os funcionarios do conxunto de España--, polo que  os funcionarios galegos verán xa nas nóminas deste mes as subidas acordadas no ámbito autonómico.

"Empezamos a aplicar estas subidas en 2020 sen esperar ao Goberno central porque temos autonomía para facelo", remarcaba, para engadir que, en canto o Executivo estatal autorice a vía para aplicar o incremento do 2%, a Xunta tamén a fará efectiva de inmediato e desde o 1 de xaneiro, polo que se abonarán tamén os atrasos desde este mes.

GOBERNO CENTRAL

Non tardou en respostar o executivo de Pedro Sánchez no Consejo de Ministros deste martes. Así, aprobaba un Real Decreto-lei de medidas urxentes polo que o salario dos empregados públicos subirá un 2% con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro, porcentaxe que cada administración poderá aumentar nun 0,3% cos fondos adicionais e que ademais podería verse incrementado en ata un 1% no caso de que o PIB de 2019 crecese un 2,5%.

Un centenar de traballadores de PAC de Galicia concéntrase diante do Sergas para reivindicar unha reunión. PACS EN PIÉ DE GUERRA
Un centenar de traballadores de PAC de Galicia concéntrase diante do Sergas para reivindicar unha reunión. PACS EN PIÉ DE GUERRA

De momento, o que se aprobou este martes é a subida fixa do 2%. A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, sinalaba na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que haberá que esperar ao mes de maio para coñecer o dato de PIB de 2019. A previsión do Goberno é un 1,8%, co que non se espera ningunha alza adicional por ese lado.

FUNCIONARIOS AFECTADOS

Días antes, Feijóo xa precisaba que estes incrementos afectarían a uns 100.000 funcionarios dos distintos colectivos de empregados públicos de Galicia (traballadores da Administración xeral, do Sergas, do ensino público e da xustiza). E, entre eles, facía especial alusión aos traballadores públicos do Sergas, que suman 20.000 empregados.

“Terán un incremento anual no seu salario de entre 1.227 e 305 euros en función da súa categoría”, apuntaba. E, a maiores, destacaba que persoal de medicina e enfermaría dos PAC aumentará os pluses de nocturnidade e festividade. Así, dicía que os médicos pasarán a cobrar de 4,9 euros a hora, a 25,6 e os enfermeiros, de 3,8 euros a hora a 16,7 euros. “Nalgúns casos imos quintuplicar o que cobran”, indicaba.

MENTIRAS

Un anuncio que, neste caso, foi duramente criticado por traballadores e sindicatos. Así, funcionarios dos PAC consultados por GC apuntan que ata o 2021 os traballadores non recibirán “o mesmo trato en canto o complemento de nocturnidade e festividade”. “Durante anos non se percibiu ou se percibiu minguado”, suliñan.

Este colectivo concreto tiña que percibir desde o 2010 o 100% destes complementos segundo o acordo sindical acadado en 2008. Pero veu a crise e, con ela, a conxelación de pluses e pagas extras. E, despois da crise, ese plus seguía sen chegar.

Por iso, e por outras reclamacións, este colectivo de médicas e enfermeiros tiveron que saír a rúa. O 17 de xullo do 2019 o Sergas e o comité de folga dos puntos de atención continuada de Galicia subscribían un acordo que puña fin a un paro de máis de seis meses nas urxencias extrahospitalarias galegas. E, nese acordo, figuraba xa, que se aplicara os pluses por festivos e nocturnidade conxelados desde o 2010. 

A VERDADE DO ACORDO

A diferencia negociada no acordo de fin de folga era o reparto dun 80% da diferencia cos profesionais dos hospitais a partir do 1 de xaneiro de 2020 e o 100% a partir do 1 de xaneiro de 2021. Isto supón, 5,07 euros/hora por plus de nocturnidade e 12,07 por festividade para o colectivo médico e de 4,07 euros/hora por nocturnidade e 9,69 euros/hora por festividade para o colectivo de enfermaría. Unha cantidade moi diferente aos 25,6 e 16,7 euros por hora anunciados por Feijóo.

O que van pagar é o que xa estaba paralizado polos recortes desde 2010”, apunta Secundino Barreiro Balseiros, delegado do Sindicato Medico O'mega en Pontevedra. “A carreira profesional  en xaneiro cobrarase en funcion do grao que lle corresponda a cada un pero para o global do Sergas”, indica en declaracións ao GC.

Neste sentido, deixa claro que este punto foi acordado e pechado tras a folga de hai medio ano pero “non son as cifras que di a Xunta”.  Ademais lembra, que o Goberno galego non está cumplindo parte do acordo acadado, especialmente, no que se refire a dotar a todo o persoal de equipos de protección individual ou a crear as prazas necesarias que posibiliten que cada facultativo non supere unha presión media de 30 pacientes por garda. O'mega tamén critica que non se conta, aínda, con equipos completos médico-enfermo en cada PAC; e non se aplica a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para garantir a neutralidade da xornada no calendario ante situacións de incapacidade temporal e permisos retribuidos.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa entrevista para Europa Press na delegación da Xunta de Ourense / Galicia (España).. ROSA VEIGA /EUROPA PRESS
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa entrevista para Europa Press na delegación da Xunta de Ourense / Galicia (España).. ROSA VEIGA /EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Maria Jesus

Gracias por corregir.