O BNG, sobre a lei de ordenación do territorio: "O PP de Feijóo quere morrer matando"

Enmarca a aprobación desta norma nunha "traca final" por parte do PP tras a "parálise e vagancia" do actual mandato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O BNG rexeita con rotundidade a futura lei galega de ordenación do territorio proposta polo Goberno autonómico, que previsiblemente será aprobada o vindeiro martes no pleno do Parlamento, por "pór por diante" do interese público "os intereses de grandes grupos empresariais".

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, o deputado nacionalista Luís Bará avanzou que o seu grupo presentará unha emenda de devolución do texto normativo, porque é unha materia que "require grandes acordos" e "grandes pactos de país".

Esta lei, que foi remitida polo Executivo galego ao Pazo do Hórreo e que busca actualizar a norma en vigor do ano 1995 e "simplificar" a tramitación administrativa, será aprobada o vindeiro martes coa maioría absoluta do PP.

En fronte, o BNG criticou este texto que consideran "parte do mesmo plan" que a lei de implantación empresarial, aprobada no 2017, e a xa anunciada lei de avaliación ambiental. Luís Bará asegurou que todas elas son normas "ao ditado dos grandes 'lobbies'".

"A AUTÉNTICA PATENTE DE CORSO"

No caso concreto da futura lei de ordenación do territorio, o deputado do Bloque advertiu sobre a figura dos proxectos de interese autonómico (PIA), "a auténtica patente de corso e cabalo de Troia dos grandes grupos económicos para facer o que queiran".

E é que, segundo explicou Bará, o que permite esta nova "figura de ordenación urbanística, se se pode chamar así, é pasar por encima da autonomía municipal", xa que "prevalecen por encima" dos plans urbanísticos locais e "non necesitan licenza" dos concellos.

Ademais, o parlamentario nacionalista aproveitou para evidenciar que os proxectos de parques eólicos "non se teñen que acoller" á lei de ordenación, senón que "se van seguir acollendo á lei de depredación" --nome que recibe a norma de implantación empresarial de 2017--.

"PARÁLISE E VAGANCIA"

Así mesmo, Bará censurou que este texto vaia ser aprobado no que considera a "traca final" da actual lexislatura, a que ten "os peores datos da autonomía en aprobación de leis" debido á "parálise e vagancia" do Partido Popular.

Segundo o deputado do BNG, o Partido Popular "pisa o acelerador curiosamente nos temas que interesa aos grandes grupos empresariais, tentando deixar todo atado e ben atado e practicando unha política de terra queimada".

"Dá a impresión de que, ante as evidencias de esgotamento deste proxecto político e as moitas posibilidades de que sexa derrotado nas urnas, o PP de Feijóo quere morrer matando", sentenciou.

O deputado do BNG Luís Bará en rolda de prensa.
O deputado do BNG Luís Bará en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta