Os servizos xurídicos da Xunta buscan o medio para recuperar o diñeiro que lle debe o Estado

O Executivo galego censura o "enriquecemento ilícito" do Goberno coa "apropiación indebida" de fondos das comunidades

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Os servizos técnicos e xurídicos da Xunta de Galicia ultiman "o medio máis adecuado" para "garantir a recuperación" do diñeiro que o Estado debe a Galicia "o máis pronto posible", segundo destacou este xoves o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

"Poderá ser unha nova carta, un requirimento administrativo, xudicial ou mesmo enviarlle á ministra --en referencia á de Facenda, María Jesús Montoro-- o gaiteiro do moroso", manifestou durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos.

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Noa Presas, Miguel Corgos denunciou o "enriquecemento ilícito" por parte do Goberno central cos fondos das comunidades autónomas e criticou que nin esta "apropiación indebida" lle sirva ao Executivo de Pedro Sánchez para cumprir os "obxectivos de estabilidade".

Todo iso despois de que a parlamentaria do Bloque lle preguntase pola estratexia que levará a cabo a Xunta para reclamar a débeda ao Estado e instou ao Goberno de Feijóo a "pasar da queixa e do salouco" á acción e acudir aos tribunais.

"Pedímoslle un pouco de seriedade e que se poñan as pilas", incidiu Noa Presas nunha intervención na que avogou por aspirar a que Galicia teña "máis capacidade" e poida "xestionar os seus impostos".

Na súa quenda de réplica, Miguel Corgos subliñou que a actuación da Administración autonómica é "coherente" e pasou ata o momento pola proposta de "solucións" que fixesen "posible o pago das cantidades debidas" sen ter que recorrer a un "contencioso".

"DESLEALDADE INSTITUCIONAL SEN PRECEDENTES"

O director xeral sostivo que o conflito existente non se debe "a un problema de relación económica dunha parte do Estado con outra". "Non é un defecto do sistema senón un abuso de poder do Goberno de España que, nun exercicio de deslealdade institucional sen precedentes, está a quedarse cos recursos das comunidades autonómicas e das administracións locais", subliñou.

Ademais, destacou que as reclamacións do pago dos fondos foron trasladadas tanto polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, "en persoa" á ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Con todo, indicou que, ao longo de 2019 e "a medida que a Administración Xeral non tomaba ningunha medida", remitíronse "diferentes cartas" a través das que se reclamou o pago da débeda e se achegaban distintas "solucións" para iso.

Despois dos "estudos correspondentes", Corgos considerou que a Xunta estimou que a postura máis adecuada é a "defensa activa dos intereses" de Galicia "suxerindo posibles solucións e reclamando o apoio doutras administracións afectadas" como a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). "É o marco no que debe resolverse este conflito pero leva sen convocarse desde o 22 de agosto de 2018", indicou.

DÉFICIT CONTABLE NAS CONTAS

Na súa comparecencia, ademais, o director xeral recoñeceu que "na medida en que os recursos orzados" polo Goberno central "non son satisfeitos" prodúcese un "déficit contable" nas contas autonómicas, unhas circunstancias que "non son nova".

"A propia AIREF xa indicou que nun escenario de non compensación por parte da Administración Xeral do Estado é improbable o cumprimento por parte das comunidades autónomas", indicou.

Con todo, considerou que, a pesar de que este "déficit" ao que dá lugar a "inacción do Goberno de Sánchez" é "conxuntural debido a unha "mala praxe" que "ten como consecuencia o enriquecemento ilícito por parte" do Estado, Galicia "será capaz de corrixilo".

"Por todo o anterior, reclamamos ao Goberno de España que pague e farémolo mediante todos os medios ao noso alcance", incidiu para criticar que o Goberno central "confunda a relación institucional coa partidista".

Miguel Corgos
Miguel Corgos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta