EU rexeita alianzas con En Marea para "non volver repetir erros" e aposta por unha fórmula de coalición

A coordinadora nacional, Eva Solla, instou a aprender das "cousas que non saíron ben" no pasado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2020 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, rexeitou a posibilidade de repetir unha alianza con En Marea de cara ás próximas eleccións autonómicas e apostou por traballar para lograr unha fórmula de coalición con forzas coas que xa comparten espazos, como Podemos e Anova.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, trasladou nunha entrevista a Europa Press unha oferta ao diálogo a Podemos Galicia de cara a configurar unha candidatura unitaria de forzas progresistas para articular unha alternativa ao PP. Preguntada respecto diso nunha entrevista na Radio Galega este sábado, Solla negou de pleno esa hipotética alianza, sobre todo "despois das dificultades" producidas na a pasada lexislatura e o "abandono" do grupo parlamentario por Villares e os deputados afíns.

Solla apostou por "non repetir erros" e por traballar con forzas políticas coas que manteñen "boa relación", como é o caso de Anova ou con Podemos, a quen instaron a ir asentando as bases logo de simples encontros informais.

Neste sentido, instou a aprender das cousas que "non saíron ben" e asumir as equivocacións, "camiñar cara a adiante" e traballar nunha fórmula "que sexa sinxela" e permita "achegar o mellor de cada organización para esa candidatura", cos mellores cadros e programa posibles.

A deputada recoñece que se ve como cabeza de lista desa hipotética coalición e que cre que é "a hora de que as mulleres" tomen "un protagonismo importante", pero que aínda hai que "sentar a falar con outras organizacións" e "escoitar as propostas".

RECTIFICAR CO IVE

Sobre a marcha de Manolo Lago ao departamento de Traballo, dirixido por Yolanda Díaz, Solla agradeceu o seu papel no grupo, no que facía "un gran traballo no ámbito económico", do mesmo xeito que considerou que a incorporación de Mariló Candedo, a seguinte na lista, "non reviste maior problema", a pesar da posibilidade de que se adscriba ao grupo mixto.

Finalmente, respecto da débeda do IVE a Galicia, a responsable de EU considerou que o Goberno central debería "rectificar" e abonar os 200 millóns pendentes, do mesmo xeito con outras cuestións "pendentes" coa comunidade, como o AVE ou a vertebración interna do territorio.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, en rolda de prensa. ESQUERDA UNIDA
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, en rolda de prensa. ESQUERDA UNIDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta