Rueda (PP) ten a "íntima convicción" de que Feijóo repetirá como candidato á presidencia da Xunta

Insta a "sentar a falar" ao Goberno central para a transferencia da AP9 e asegura que Ábalos e Montero "amenten" sobre o AVE e os pagos do IVE de 2017.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera e desexa que Alberto Núñez Feijóo volva repetir como candidato do PPdeG á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas deste ano. Manifestou a súa "íntima convicción" de que así será.

"Hai dous anos tivo a oportunidade de iniciar un novo proxecto político a nivel nacional e elixiu quedar en Galicia. Naquel momento tiña a íntima convicción de que ía tomar esa decisión e agora volvo dicir que é unha sensación absolutamente persoal", explicou Rueda este domingo nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press.

O segundo titular da Xunta ve ao seu superior "animado" para presentarse ás eleccións, pero non está "na súa cabeza para saber todos os condicionantes", aínda que "oxalá" decida repetir, manifestou.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento.. XUNTA - Arquivo
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

A VISITA DE ÁBALOS A GALICIA

Alfonso Rueda tamén reaccionou á visita a Galicia do ministro de Transportes, José Luís Ábalos, a quen acusou de "mentir descaradamente" coas datas esperadas para a chegada do AVE. Lembrou o día que realizaron unha viaxe de proba en setembro de 2019 desde Benavente a Pobra de Seabra. Alí, segundo dixo, pediron a Ábalos que "por favor" lles contase a verdade "para facer algunha planificación". Daquela, o ministro "insistiu unha e outra vez en que se ían a cumprir os prazos", pero "agora vemos que todo era mentira". "Nin sequera" o esperan para o 2021, afirmou.

Sobre a transferencia da AP-9, Alfonso Rueda esixiu ao Goberno central "sentar a negociar". Asegurou que a Xunta ofrece "lealdade" e a cambio piden "efectividade e ganas de verdade de empezar a transferencia"; algo que ocorrería "mañá mesmo" se da Xunta dependese, sostivo. 

Aínda que a cuestión de autoestrada está contemplada no acordo entre o PSOE e o BNG, Rueda cre que será "papel mollado" e insiste en que "a transferencia hai que facela entre gobernos".

CRÍTICAS AO PSdeG

Por outra banda, o vicepresidente do Executivo galego tachou a relación entre o PSdeG e o PSOE de "servilismo". "Gonzalo Caballero traga o que faga falta", explica, unha actitude que achaca a "a súa debilidade política". "Se se repasa todo o dito por Gonzalo Caballero desde que lidera o Partido Socialista de Galicia vese que nin unha soa vez esixiu que o AVE chegase en prazo e que o Goberno cumprise cos tempos" que eles mesmos se propuxeron.

Tachou a Caballero de ser "moito máis brando co señor Sánchez que o propio señor Sánchez" e de "buscar escusas" para xustificar os atrasos do tren de alta velocidade. "O malo é que a factura" destas cuestións "vainas pagar Galicia e non o Goberno socialista", lamentou.

DÉBEDA DE 200 MILLÓNS

Nas súas declaracións, Rueda tamén aproveitou para esixir ao Executivo de Pedro Sánchez os 200 millóns correspondentes ao pago do IVE de 2017 que o Estado debe a Galicia. Espera que o Ministerio de Facenda "non sexa capaz de obrigar a todas as comunidades a presentar un recurso na Audiencia Nacional" e "entre en razón". Sobre todo, criticou a actitude de María Jesús Montero, da quen dixo que se lle "caería a cara de vergoña se "escoitase as súas propias declaracións".

A súa "decepción" non acaba aí, senón que Rueda tamén cre que o borrador do Estatuto para as empresas electrointensivas precisa "melloras" porque a actual proposta "non vale". Pide tamén unha transición enerxética "ordenada" para evitar o peche de Endesa nas Pontes.

Por último censurou que Pedro Sánchez non recibise ao autoproclamado presidente de Venezuela, Juan Guaidó, e que Ábalos estivese en contacto coa vicepresidenta dese país, Delcy Rodríguez. "Os miles de galegos que tiveron que volver a Galicia de Venezuela non se merecen esta actitude do señor Sánchez".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 miñoca

Convicción íntima ? Sr. Rueda le rueda la lengua

1 Moine

Se Frijol repete nas eleiçons é porque tem a seguridade que vai ser eleito com maioria absoluta. Em fim, o povo galego reitera-se no seu suicídio.