Vacinas con veleno da avespa común poden protexer os alérxicos á velutina, segundo unha experta

A presidenta da Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica defende esta opción.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/01/2020 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A presidenta da Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SGAIC), a doutora María de los Ángeles Rico, sinalou que os pacientes alérxicos á avespa asiática ('Vespa velutina') vacinados con extractos de avespas comúns "van estar protexidos na gran maioría dos casos".

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

A avespa asiática é unha especie invasora identificada por primeira vez en España en 2010. Desde entón, a súa expansión está a ser exponencial e está a inquietar ás autoriades debido á súa capacidade de reprodución e dispersión, así como pola frecuencia coa que atacan ás colmeas de abellas para alimentar as súas larvas. Desde o punto de vista alergolóxico, calcúlase que esta especie provoca ata o 90 por cento de todas as picaduras nas áreas nas que a súa presenza é maior.

A picadura desta especie "ten os mesmos efectos no ser humano que os doutras especies autóctonas, sobre todo a 'Vespa crabro', que é a de maior tamaño e atópase en toda España, aínda que predomina no val do Jerte, Cáceres e Andalucía". "A única diferenza é que a avespa asiática inxecta máis cantidade de veleno que a avespa común, o que pode ocasionar máis dor e hinchazón", explica a presidenta do Comité de Alerxia a Himenópteros da SEAIC, Berta Ruiz.

Dos estudos realizados ata a data, púidose comprobar que os velenos de 'Vespa velutina', de 'Vespa crabro' e da avespa común ('Vespula') presentan unha alta similitude nas súas proteínas principais. "En base a iso, podemos considerar que os pacientes alérxicos a 'Vespa velutina' vacinados con extractos de avespas comúns, na gran maioría dos casos, van estar protexidos", asegura a presidenta de SGAIC. De feito, desde 2016 o Comité de Himenópteros da SEAIC xa suxería que se tratase coa vacina de 'Vespula' os pacientes con anafilaxia á velutina.

Agora, investigadores da compañía biofarmacéutica ALK-Abelló purificaron os compoñentes alerxénicos do veleno de 'Vespa velutina' para mellorar o tratamento dos pacientes alérxicos a esta especie. O traballo, publicado na revista 'Plos One', demostra a gran similitude destes cos compoñentes homólogos doutros himenópteros para os que existe tratamento con inmunoterapia específica, máis concretamente dos xéneros 'Vespa' e 'Vespula'. A partir dos datos do transcriptoma de 'V. velutina' puideron extraerse as secuencias de proteínas relevantes.

"Os datos 'in vitro' que se obteñan co uso destes compoñentes illados confirmarán a existencia de reactividade cruzada entre os compoñentes de 'Vespa' e 'Vespula', algo que xustificaría o tratamento destes pacientes coa vacina da avespa común. De feito, observouse na práctica clínica que, nalgúns pacientes que están a ser tratados coa vacina da avespa común, pola súa alerxia a 'Vespa velutina', a repicadura espontánea da avespa asiática non produciu anafilaxia nestes pacientes", detalla Rafael I. Monsalve, do departamento de Investigación e Desenvolvemento de ALK-Abelló.

Na actualidade carécense dunha proba 'in vivo' ou 'in vitro' que, aplicada á poboación xeral, determine que individuos manifestarán alerxia despois da picadura dun himenóptero. Pero quen xa sufriron unha reacción alérxica grave presentan un risco moi elevado de sufrir unha reacción sistémica xeneralizada no caso dunha nova picadura. Por esta razón, aconséllaselles acudir ao alergólogo para que confirme se padece alerxia ao veleno de himenópteros e iniciar un tratamento con inmunoterapia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carmen1971

Para os que somos alérxicos, sería unha gran alegría. Aínda que pareza esaxerado, unha picadura de avispa pode levarnos directamente ao hospital. Para os que padecen alerxia, recomendo tomar as máximas precaucións e saber evitalas:: https://picaduras.org/picaduras-de-...