Territorio e identidade: camiñamos cara a cidades sen memoria?

Coidar o patrimonio e as identidades locais dunha mesma cidade son as claves para que as historias da nosa xeografía non morran polo camiño da especulación urbanística.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Malia que viñan facéndose camiño dende había tempo, o desenvolvementismo dos 60 foi un momento de auxe para as lóxicas do mercado e do capitalismo, que tiveron, coma todo, a súa repercusión sobre o xeito de habitar os espazos. Aparecen, logo, novas formas de ordenación do territorio: as cidades comezan a expandirse cara ás súas periferias da man dun sector da construción en auxe, as familias mercan automóbiles privados, as distancias acúrtanse... 

Rúa de Juan Flórez
Rúa de Juan Flórez | Fonte: aldeasgalas.gal

Todos estes cambios que implicaron unha reorganización do espazo supuxeron, dende o punto de vista de non poucos profesionais, un "desorde urbanístico" sobre o territorio, exponenciado na época de forte demanda da vivenda e da burbulla inmobiliaria. Fálase, daquela, de "urbanismos de lucro", consumidores do territorio e descoidados coas identidades locais. Nestes procesos, moitas das aldeas que funcionaban nas contornas das cidades víronse en pouco tempo engulidas polos edificios. Outras foron resistindo entre eles. 

"As cidades levan demasiado tempo medrando de xeito pouco atinado", asegura Javier Montero Pérez, vicepresidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal). Xorden daquela dous retos futuros nos que cómpre traballar: "paliar os desaxustes" e "tentar non volver cometer os erros do pasado". 

O COIDADO DO PATRIMONIO

Neste contexto, cóidase o patrimonio das nosas cidades? Nelas e en torno a elas seguen resistindo arquitecturas tradicionais como hórreos, lavadoiros, fontes ou cruceiros... Espazos que "manteñen a memoria do lugar". Para Carlos Fernández, presidente de Apatrigal e coordinador do proxecto Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe, son "referencias necesarias para fortalecer o sentimento de pertenza a un lugar", e tamén para o "orgullo da colectividade". 

Cancela de madeira ao carón da Ronda de Outeiro, na Coruña
Cancela de madeira ao carón da Ronda de Outeiro, na Coruña | Fonte: aldeasgalas.gal

O mesmo que acontece cos elementos etnográficos acontece coas arquitecturas do medievo e as modernas dos anos 50. "Pasa con todo o que permanece na memoria da xente". A teoría que o urbanista cre que funcionaría mellor neste sentido segue unha regra básica: "O que xa está ordenado, debe permanecer no tempo, e non estar pendente de que alguén faga unha oferta para demolelo ou especular". Se ben estas arquitecturas son básicas para reforzar as identidades, tanto Fernández coma Montero consideran que queda moito por facer na súa protección, valorización e recuperación. Tamén Iago Carro, membro da cooperativa de arquitectos Ergosfera, bota en falta unha "reflexión política e pública en torno a estes lugares".

Sendo punto de "ancoraxe cultural e territorial" - di Montero -, algunhas delas adquiren novos usos na actualidade. Os lavadoiros, por exemplo, funcionan ás veces como espazos de reunión para a xente máis nova ou como fogar para aqueles que non teñen casa. Neste sentido, dende o colectivo Ergosfera apelan a estudar estes novos xeitos de habitar os espazos, máis alá do "punto de vista conservacionista".

FEÍSMO, UN TERMO CONTROVERTIDO

Este tipo de infraestruturas, ás veces, son as máis maltratadas. Agás Compostela e Pontevedra, o resto das urbes medran segundo parámetros "non urbanísticos", de maneira que se producen "abandonos" e se xeran "espazos residuais", mesmo de "mala calidade", pensa Fernández. Aquí é onde entra en xogo un termo controvertido que algúns consideran reducionista: o "feísmo". As opinións ao seu redor son ben diversas. Dende a páxina de Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe manteñen unha postura crítica sobre o que consideran "desmáns" que maltratan o territorio.

Con todo, dende Ergosfera, Iago Carro opta por outra visión do asunto: "Entendemos estes procesos como valores urbanos. Son territorios que primeiro foron denostados polo mercado por improdutivos e agora son denostados polo Estado por feos". Sobre deste concepto, que di ser inventado por La Voz de Galicia e Cuíña, considera que se trata dunha "forma máis do capitalismo radical ofrecido polo Estado". Para Iago Carro, xa que logo, a mestura e os novos usos, a reciclaxe e a reutilización aportan riqueza á cidade. "Fixéronnos crer que se aparece un edificio alto ao lado dun baixo, iso é feísmo, e as fórmulas urbanísticas máis modernas apostan precisamente pola mestura do baixo co alto, dos cheos e dos baleiros".

O COIDADO DAS IDENTIDADES

Cabo do noso patrimonio material están as identidades e o sentido de pertenza a un lugar. "O modelo urbanístico galego, por regra xeral, non toma en consideración estes parámetros sociais", di o presidente de Apatrigal. "Barrios enteiros, con identidade propia, como Monte Alto na Coruña, ou O Berbés en Vigo, andan o camiño da especulación inmobiliaria e o abandono". Pola contra, para Fernández, un bo exemplo do coidado das relacións veciñais está en Ferrol, que "soubo preservar as distinas fases de crecemento" e que "posúe espazos de relación".

Nas demolicións de barrios, marchan a canda eles a memoria dun lugar. Xa no 1961, a teórica do urbanismo Jane Jacobs apelaba a "reconstruír en lugar de derruír": "Cando se arrasa un barrio baixo non só se botan abaixo as casas vellas, desarráigase aos seus habitantes, corróese a espesa capa de amizades comunais” (Vida y muerte de las grandes ciudades). Sesenta anos despois, esta afirmación séguese mantendo de actualidade.

O caso do 'Parque Ofimático' na periferia máis inmediata da cidade da Coruña é paradigmático. Cando empezou a urbanizarse borrouse do mapa calquera indicio da memoria do lugar. Incluso se obviou a súa microtoponimia (aínda que agora apostan por nomealo 'Xuxán'). "As promotoras inmobiliarias adoitan inventar topónimos que nada teñen que ver cos que existían", conta Iago Carro. Por iso, "é fundamental recuperalos e mantelos". Javier Montero tamén é contundente neste sentido. "A cidade nova ten que cimentarse nas preexistencias. Un urbanismo sen eses alicerces está concenado a fracasar". 

SOMOS CIDADES SUSTENTABLES?

En termos de sustentabilidade, as nosas cidades suspenden, sobre todo, en materia de transporte público. "Agás Pontevedra", apunta Fernández. Se falamos de estándares de zonas verdes, Santiago é a que consegue un territorio máis harmónico. A maior calidade en relación ao mantemento das identidades está en Ferrol, Lugo e Pontevedra. E se falamos de accesibilidade a pé ou en bicicleta, tanto Compostela coma Pontevedra, Ferrol ou Lugo son as mellores urbes. Agora ben, se baixamos a nivel de vilas ou cidades pequenas, poucas cumpren os preceptos de sustentatividade. Esta é a análise que propón o urbanista Carlos Fernández.

Javier Montero, a este respecto, é positivo - "comezamos a non clamar no deserto" - aínda que recoñece que "estamos moi lonxe" de acadar os estándares mínimos de sustentabilidade. Para camiñar cara a eles e evitar a banalización do patrimonio, fronte ao "turismo a calquera prezo", Fernández aposta por traballar dende o modelo educativo. Montero, á vez, chama a ampliar o encadre, da arquitectura á paisaxe, ao territorio, á cultura. "Hai que baixar do plano á rúa e coñecer a sociedade", di como reto para os profesionais da arquitectura e do urbanismo. Á fin, trátase de velar pola calidade de vida das persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta