No alto da fama: estes son os dez youtubers galegos máis influentes

Nos últimos tempos Galicia foise facendo oco por estas canles millennials... Un bo feixe de creadores de contido andan triunfando polo mundo adiante e son de aquí. Coñécelos?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

YouTube alzouse nos últimos tempos como a plataforma dos contidos alternativos e atractivos para a xente moza que xa aborreceu a televisión. E os galegos fóronse facendo oco nel como creadores de contido: dende hai uns anos xa resoan nomes de grandes youtubers con forte influencia a nivel estatal e mesmo internacional. Poida que o caso máis coñecido sexa o do Wismichu, mais hai outros moitos e outras moitas que andan a xerar unha morea de contido por estes lares dos millennials. 

A youtuber Percebesygrelos en Operación Triunfo
A youtuber Percebesygrelos en Operación Triunfo

Aquí vai unha lista dos dez galegos máis influentes. Sóanche?

WISMICHU

O youtuber con máis subscritores de todo o Estado é galego e chámase Ismael Prego. O seu vídeo de cabeceira, publicado hai dous meses, reúne xa máis de 4.500.000 millóns de visualizacións. Máis coñecido como Wismichu, este rapaz de Monte Alto, na Coruña, nutre a súa canle de Youtube de videoblogs satíricos e caracterizados, moitas veces, por un ton crítico e un estilo humorístico escuro. A polémica sempre anda ao seu redor... Unha das últimas máis potentes foi a raíz da creación da súa primeira película, Bocadillo, que a crítica cualificou como unha “troleada estudada”, xa que en realidade se tratada dunha secuencia de 5 minutos repetida en bucle con pequenas variacións. Cando a subiu á súa canle de Youtube acumulou máis de medio millón de reproducións en menos de 24 horas. Que este rapaz ten tirada, non lle se pode negar!

PERCEBESYGRELOS

 

Procedente da Coruña, Percebesygrelos viu como unha morea de portas se lle ían abrindo pouco a pouco desde que se fixo un oco na canle do Youtube. De crear vlogs e storytimes pasou a ser colaboradora de diferentes programas de televisión como Operación Triunfo ou Yu, de Los 40 principales. Con 74.100 subscritores, a súa canle está encabezada, nada máis e nada menos, que por un vídeo da súa avoa. Agora, baixo o hastag #UnaCañaCon, Carolina Iglesias entrevista persoas moi recoñecidas nos últimos tempos: Miguel Bernadeau, María Villar, Carolina Durante... 

 

XURXO CARREÑO

A estoutro youtuber respáldano 366.000 persoas na canle de Youtube e acumula máis dun millón de seguidores en Instagram. De orixe ourensá, Xurxo Carreño saltou á fama grazas ás súas inxeniosas dobraxes a vídeos de animais. Botando man de diferentes acentos ou de ditos galegos que lle dan xogo, este youtuber vai imaxinando novas vidas coas imaxes dos animais ou doutras persoas e outros contidos. O humor e as anécdotas inzan a canle do Youtube deste ourensán. 

PATTY DRAGONA

 

É a muller con máis subscritores en Youtube de todo o Estado, con máis de 5,5 millóns. Comezou neste mundo no ano 2014 como videoxogadora de GTA V e Ark Survival Evolved e dende aquela foi desenvolvendo contido enfocado ao entretemento. Publica bromas, retos, challanges con amigos... E ademais, é colaboradora en distintos programas e canles de Youtube. Mesmo foi presentadora da canle infantil Fun Club. E todo isto, dende Pontevedra! Patty Dragona tamén publicou un libro, El viaje de Patty, no 2018. 

 

MICHENLO

Dende Valga para o mundo... Michenlo! A súa fama, realmente, naceu no Instagram, onde coida especialmente a calidade dos seus contidos. O azul inunda todo o seu feed e non hai foto que non conteña esta cor. Tampouco tardou en abrir unha canle de Youtube, onde suma 14.200 subscritores. Nele ten publicado storytimes e vlogs de viaxe, mais xa hai un tempiño que non o actualiza. Con todo, os seus pasos poden seguirse polo miúdo no Instagram, onde ten unha sección ben curiosa: #cantaconmichenlo. Os seus fans mándanlle vídeos cantando e el monta un videoclip conxunto. Os resultados aínda deben ser divertidos!

TOBBALINK

Estoutro rapaz, de Cangas do Morrazo, incorporouse ao mundo do Youtube un 28 de novembro do 2012. Dende ese momento comezou a subir vídeos sobre partidas en videoxogos. Segundo di, a súa intención é axudar tanto aos máis novatos que están empezando a xogar coma aos expertos do Fifa. Ao longo dos seus vídeos, TOBBALink vai ensinando aos subscritores os seus mellores métodos e trucos. Mais non son os videoxogos a súa única paixón. As motos tamén ocupan un espazo importante na súa vida real e virtual.

BREIFR9

Con máis de medio millón de subscritores no Youtube, este rapaz de 24 anos, natural de Pontevedra, centra os seus vídeos no automobilismo e nos videoxogos. De vez en cando tamén comparte as anécdotas do seu día a día en storytimes. Con todo, un dos contidos máis rechamantes desta canle de Youtube ten que ver coa exploración de lugares abandonados. Breixo adoita facer visitas a espazos hinóspitos que vai ensinando a medida que explica a súa historia. Entre o medo e a curiosidade... aí se sitúan os vídeos deste galego!

DULCEDELECHE

22 anos e 86.900 subscriptores no Youtube. Carlota, nada na Coruña, estudou produción de audiovisuais e conta que o mundo do vídeo é unha das súas maiores paixóns. “Adoro Youtube”, proclama na descrición da súa canle. Todo comezou un día en que os seus pais a castigaron sen saír da habitación: primeiro abriu un blog de beleza e moda. Xa aí acadou bastante recoñecemento. Logo, pasou ás plataformas de Youtube e Instagram, onde dá consellos estilísticos e ensina a roupa que compra ou lle mandan as marcas. 

 LOVELY PEPA

Baixo o nome de Lovely Pepa agóchase a viguesa Alexandra Pereira, unha das primeiras blogueiras de moda en saltar á fama no Estado. Agora é coñecida e recoñecida non só en Galicia e España, senón tamén internacionalmente. Con contido tanto en español coma en inglés, esta muller colabora agora cunha morea de marcas nas súas redes sociais. O seu peso no sector e a boa acollida dos seus seguidores impulsárona a montar, incluso, a súa propia marca de roupa. Con máis de 164.000 subscriptores no Youtube, Alexandra Pereira non deixou de nutrir de contido a súa canle dende que entrou alá polo 2010. Viaxes, moda, LifeStyle e Tags son as catro seccións nas que organiza os seus vídeos.

EL GARAJE DE HACHE

“Mecánica, tips, bmw's e drift”. Así presenta estoutro rapaz a súa canle de Youtube ‘El garaje de Hache’, que xa suma máis de 122.000 subscriptores. É un apaixonado do motor e creou as súas redes en torno ao automobilismo. A súa canle componse dunhas cantas seccións onde vai compartindo consellos, blogs, titoriais… E tamén ten páxina web!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 RUBEN23

E Jordi Maquiavello?

1 miren si son galegos

creo que daniboube tv e Jordi Maquiavelo son galegos... deberían investígalo... - https://www.youtube.com/watch?v=nZo... - -------- - https://www.youtube.com/watch?v=AT_...